Ryanair terá que pagar case 2.000 euros a dúas persoas polo atraso dun voo

O traxecto entre Santiago e Madrid demorouse seis horas
Mostrador de facturación de Rayanair. EFE
photo_camera Mostrador de facturación de Ryanair. EFE

Unha sentenza do xulgado da Coruña obrigará á liña aérea Ryanair a indemnizar a dúas mulleres con preto de 2.000 euros por danos e prexuízos derivados do atraso de seis horas nun voo da compañía entre Santiago e Madrid. 

A Unión de Consumidores de Galicia explicou que estas afectadas, ambas socias da entidade, perderon outro voo que formaba parte dun paquete turístico, por culpa do atraso, e a pesar de que a compañía abonou a indemnización correspondente á demora negouse a aceptar ningunha outra responsabilidade como consecuencia do incumprimento horario.

A espera das pasaxeiras durou seis horas

A UCGAL reclamou a Ryanair os gastos xerados polo atraso e os danos morais derivados da perda das vacacións.

Tras iniciarse posteriormente un proceso xudicial, en nome das afectadas, o tribunal fallou con sentenza en firme e contra a que non cabe recurso, quedando obrigada a empresa a abonar os danos e prexuízos provocados, calculados en preto de 2.000 euros. 

Comentarios