Salvan os animais tras un incendio que calcinou por completo un alpendre na Lama

Non houbo que lamentar feridos, pero si importantes danos materiais

Un alpendre situado ao carón dunha vivenda da Lama no que se refuxiaban diversos animais resultou completamente calcinado nun incendio que se declarou a última hora do domingo e foi sufocado este luns de madrugada.

Por fortuna, ningunha persoa resultou ferida, segundo informa o 112, e os animais puideron ser retirados a tempo nada máis comezar o lume. Tampouco a vivenda se viu afectada. Iso si, as chamas calcinaron un tractor, distintos apeiros de labranza e diversas alpacas de herba seca que se acumulaban no interior do alpendre.

Nada máis recibir a chamada dos donos, sobre as 22:45 horas deste domingo, o 112 Galicia pasou aviso aos Bombeiros de Ribadumia, que se desprazaron ao momento, no lugar da Carballeira, na Barcia do Seixo, no municipio pontevedrés da Lama.

Os efectivos de Protección Civil da Mancomunidade Oitavén-Tea tamén foron informados da situación. Así mesmo, ata o lugar, tras ser alertados polo 112 Galicia, desprazáronse os membros de extinción de Pontevedra e do Morrazo. Tamén persoal do servizo provincial de incendios prestou a súa colaboración nas tarefas de extinción.

Sobre as 02:30 horas, os membros de extinción de Ribadumia comunicaban a total extinción do lume.