miércoles. 19.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 19.01.2022
El tiempo

Sanidade apela ao "illamento social" para evitar contaxios tras elevarse a 112 os casos

Almuiña visita a Xefatura Territorial de Sanidade para o seguimento do dispositivo de vixilancia epidemiolóxica. CABALAR (EFE)
Almuiña visita a Xefatura Territorial de Sanidade para o seguimento do dispositivo de vixilancia epidemiolóxica. CABALAR (EFE)
Almuíña pide o uso responsable do 900 400 116, o número exclusivo para a atención ao coronavirus ► O Sergas rexistra as tres primeiras altas

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, aconsellou este venres manter certo "illamento social" para evitar os contaxios por coronavirus, que xa afecta a 112 persoas confirmadas en Galicia, fronte ás 64 deste xoves á noite, segundo as análises realizadas polo Servizo Galego de Saúde.

Do total de casos, 45 son da área da Coruña, 6 da de Lugo, 14 da de Ourense, 11 da de Pontevedra, 20 da área de Vigo, 12 da de Santiago, e 4 da de Ferrol.

Tras unha visita á Xefatura Territorial de Sanidade na Coruña para o seguimento do dispositivo de vixilancia epidemiolóxica, Vázquez Almuiña atendeu os medios de comunicación para trasladar que "o máis importante neste momento é tratar de evitar contacto continuado con grandes masas de persoas".

Dos afectados, sete están na Uci, 26 permanecen en unidades de hospitalización e 79 no domicilio. Ademais, rexistráronse as tres primeiras altas de pacientes, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

A maioría dos contaxiados están baixo tratamento no seu domicilio, é dicir, son pacientes leves

Acompañado da xefa territorial da área da Coruña, Cristina Pérez, e o xefe de Alertas Epidemiolóxicas da Xefatura Territorial coruñesa, Manuel del Valle, Vázquez Almuiña detallou que Galicia atópase nunha "fase fundamental da epidemia", a diagnóstica, na que "hai facer un diagnóstico precoz e estudar os contaxios".

Respecto ao material nos centros sanitarios, o conselleiro anunciou que hai unha colaboración co País Vasco para a compra de máscaras, pola que chegarán a Galicia un total de 70.000.

Así mesmo, avanzou que colocarase nos próximos días "un cristal protección" nos mostradores dos centros de saúde, xa que "o risco maior son os profesionais sanitarios", e recomendou para todos os trámites administrativos "unha barreira de dous metros" e un límite de quince minutos.

O teléfono gratuíto 900 400 116 é o número exclusivo para a atención ao coronavirus. O 061 mantense para atender urxencias

"Estamos a preparar as accións en caso de aumento de epidemia co reforzo do 061 e dos servizos de urxencias", sostivo o conselleiro, que sinalou que haberá equipamentos novos, reforzaranse as camas e as Uci.

Sanidade insiste no seu chamamento a que se utilice o número de teléfono 061 só para emerxencias ou casos graves, e aconsella usar o gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Ademais, o Sergas creou unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, profesionais sanitarios e outros colectivos.

O conselleiro pediu a colaboración de todos os cidadáns para "facer que a curva sexa máis plana e afecte de forma máis progresiva á cidadanía", en alusión a importancia de que non se dean todos os contagios á vez para non colapsar os servizos sanitarios.

Sanidade destaca a importancia de que non se dean todos os contaxios á vez para non colapsar os servizos sanitarios

"Segue sendo importante o diagnóstico pero tamén o illamento social, non total, pero é moi importante tratar de evitar as grandes concentracións", destacou Vázquez Almuiña, que indicou que "mellor espazos abertos que pechados".

En caso de síntomas, engadiu, é recomendable "quedar en casa" e en relación aos nenos dixo que "os espazos abertos seguen sendo prioritarios", pois é "mellor un parque que un centro comercial" e preferible "un parque con poucos nenos".

Aos estudantes que regresan de zonas de maior risco como Madrid ou o País Vasco, recomendoulles quedar en casa durante catorce días. 

Sanidade apela ao "illamento social" para evitar contaxios tras...
Comentarios