Sanidade ve "marxe ampla" nos hospitais e cre posible non empregar os de campaña

Vázquez Almuiña apela a non "baixar a garda" ante un posible rebrote, pero di que a pandemia dá "claras mostras de desaceleración"
Almuiña visita a Xefatura Territorial de Sanidade para o seguimento do dispositivo de vixilancia epidemiolóxica. CABALAR (EFE)
photo_camera Jesús Vázquez Almuiña. ARQUIVO

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asegura que aínda hai "unha marxe ampla de manobra" nos hospitais galegos, cunha media do 50% das camas baleiras, polo que "neste momento é posible" non chegar a empregar os hospitais de campaña.

Nunha entrevista á Radio Galega, o conselleiro constata este sábado que esa marxe existe "incluso nas Uci", xa que nun inicio se prevía chegar ás 500 ou 600 camas nestas unidades. "Neste momento estamos ao redor de 125", estimou.

Aínda que afirma que a situación é "boa" e que "é posible" que non se utilicen os hospitais de campaña, Vázquez Almuiña chama a non "baixar a garda" ante un posible rebrote da pandemia.

No caso concreto das instalacións que se preparaban no recinto de Expocoruña, o titular de Sanidade explicou que se deseñou un plan cunha última "fase catro" e a xerencia da Coruña entendía que na súa área, onde se produciu o primeiro gran brote de coronavirus de Galicia, estas instalacións podían ser precisadas.

"Temos que ser conscientes de que todas as medidas extraordinarias deben estar presentes e, en caso necesario, poder montalas de forma urxente en poucos días", sinalou.

En caso de rebrote, "no canto de facer un illamento social xeral" como o actual, optaríase por un "illamento individual e de grupos de casos", para o que hai "infraestrutura preparada", tal e como asentou.

O conselleiro considera que se pode falar "de aplanamento da curva" de contaxios

"O INICIO DO DESCENSO". Mentres tanto, os contaxios de Covid-19 en Galicia dan "claras mostras de desaceleración, con crecementos moi limitados pese ao número moi importante de probas" que Almuiña reivindicou que realiza o Sergas. Por iso, considera que se pode falar "de aplanamento da curva", que pode ser "o inicio do descenso da onda".

Preguntado sobre se teme que se produza un rebrote despois de que o luns se reincorporen á actividade os traballadores non esenciais, Vázquez Almuiña recoñeceu que "loxicamente si preocupa", porque "unha parte importante da poboación non está aínda inmunizada". No entanto, tamén ve "razoable" que de xeito progresivo se recupere a actividade, iso si, se se garda "a distancia de seguridade" e unha "boa hixiene de mans", entre outras recomendacións.

RESIDENCIAS. Nesas instalacións, o conselleiro calcula que se realizaron test de coronavirus ao 50 por cento dos usuarios e os traballadores dos xeriátricos galegos, de modo que "en dúas ou tres semanas" se poderá chegar á totalidade destes centros.

"Os maiores son a diana do virus, por idade e por estar en institucións pechadas", advertiu.

Máscaras lavables de uso social
Vázquez Almuiña desvelou que o Goberno galego pediu ao ministerio "as especificacións" sobre que tipo de máscaras pretenden recomendar para o uso xeral de máscaras na poboación. O conselleiro avisa de que esta medida busca "aumentar os elementos de separación" social e que "non debe dar unha falsa seguridade" de forma que se descoiden as distancias e a hixiene de mans.

Ao seu modo de ver, e á espera das instrucións do ministerio, as máscaras de uso social teñen que ser "lavables" e "que se poidan reutilizar". "Deben ser, seguramente, de tea e lavable para utilizala durante un período prolongado de tempo", dixo.

Comentarios