Santiago e Ponferrada acollerán en xuño probas para obter o certificado Celga

O prazo para matricularse estará aberto ata o 25 de abril

O secretario xeral de Política Lingüística, nunha proba Celga. ARQUIVO
photo_camera O secretario xeral de Política Lingüística, nunha proba Celga. ARQUIVO

A Secretaría Xeral de Política Lingüística abriu ata o próximo 25 de abril o prazo para matricularse nas probas para a obtención dos certificados de lingua galega Celga, que se celebrarán en Santiago (para os niveis 1, 2, 3 e 4) e en Ponferrada (niveis 2, 3 e 4) o próximo mes de xuño. 

As datas concretas de realización dos exames, así como os horarios e as sedes onde se desenvolverán, publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Portal da Lingua Galega unha vez que finalice este prazo e se coñeza o número exacto de aspirantes para cada un dos niveis, informou a Xunta. 

O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Xunta a través de Política Lingüística e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.

Comentarios