
A eurodeputada galega destaca que na zona do río Louro estivo instalada a químico-farmacéutica Zeltia
A eurodeputada galega Lidia Senra, membro de Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), informou á Comisión Europea (CE) das altas concentracións de lindano (pesticida) que se rexistran en varias áreas do río Louro ao seu paso polos municipios do Porriño e Tui.
Desta forma, Senra sinalou nun comunicado que na súa pregunta destaca que na zona onde estivo instalada a químico-farmacéutica Zeltia multiplícanse por 10 os niveis permitidos do produto químico prohibido en 1991.
A eurodeputada reclama unha investigación, que se faga cumprir a Directiva Marco da auga, que se protexa a saúde dos veciños da parroquia de Torneiros, e que se depure a responsabilidade de danos ambientais.
Na súa pregunta, a eurodeputada achega un informe elaborado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, publicado a finais de 2017, no que se mostra que as concentracións de lindano en varias áreas do río Louro ao seu paso polos citados municipios multiplican por 10 o máximo permitido.
O lindano, cuxa fabricación está prohibida desde o ano 1991, é un produto químico insecticida considerado carcinóxeno pola Organización Mundial da Saúde.