O Seprona investiga a aparición dun lobo tiroteado en Cerdedo-Cotobade

O animal, duns oito meses, presentaba un orificio de entrada de bala e outro de saída á altura do corazón

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil de Pontevedra iniciou unha investigación para aclarar as causas da morte dun exemplar de lobo ibérico que apareceu tiroteado nun monte do municipio de Cerdedo-Cotobade.

O cadáver do animal foi achado este luns por membros da Asociación para a Conservación e Estudo do Lobo Ibérico (Ascel) na Serra do Cando, nun lugar próximo á aldea de Cima de Vila.

Nunha primeira valoración, os expertos apreciaron a existencia dun orificio de entrada de bala e outro de saída á altura do corazón.

Ascel explicou que se trata dun lobo de apenas oito meses que, tras recibir o disparo, debeu percorrer uns 300 metros antes de morrer, feitos que sitúan a finais da pasada semana. Estes datos deberán ser corroborados pola  necropsia que se realizará ao animal por encargo da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

A asociación ecoloxista sinala que se trata dun feito "grave" xa que non é un incidente "illado" nesta zona, na que xa noutras ocasións apareceu un lobo colgado nun sinal ou cinco cachorros foron perseguidos durante unha batida de xabaril.

A zona na que mataron o lobo, lembra  Ascel, está dentro da Rede Natura 2000 polo que, xunto coas asociacións Adega e  Geas, solicitan unha maior vixilancia para acabar con estes episodios de "caza ilegal".

A administración, denuncian, está a actuar de forma "moi permisiva" ante a "persecución ilegal" que sofre o lobo en Galicia, polo que esixen que a Xunta actúe con "determinación e contundencia" ante estas prácticas furtivas. 

Comentarios