
O Sergas defendeu este mércores o traslado de maiores sans desde centros xeriátricos á residencia de tempo libre da Xunta en Patos, en Nigrán, unha medida baseada en criterios "científicos e sanitarios", e sinalou que a aparición de dous casos positivos de coronavirus nesa instalación non se debe vincular á decisión do traslado.
A través dun comunicado, sinala que "a autoridade sanitaria garante o modelo de atención elixido para estes residentes como o mellor posible para preservar as persoas máis vulnerables da exposición á enfermidade". A ese respecto, Sanidade insiste en que a decisión de centralizar na residencia de Patos a asistencia aos maiores non contaxiados está baseada en criterios indicados "polos expertos" para a atención e protección de grupos de risco neste tipo de alertas sanitarias.
"O feito de que se confirmou agora a enfermidade de dous residentes non se pode vincular coa adopción desa medida", din fontes sanitarias, que lembran que todos os maiores trasladados a Nigrán --un total de 22, procedentes das residencias DomusVi de Barreiro e de Cangas, intervidas pola Xunta-- foron sometidos a tres probas diagnósticas. Foron dous PCR e un test de anticorpos, que deron negativo en Covid-19.
Sanidade subliña que os maiores trasladados foron sometidos a tres probas
En todo caso, as mesmas fontes apuntan que "o risco cero fronte ao Covid-19 non existe, o período xanela (o tempo que tarda en manifestarse o virus) é ilimitado e impredicible". De feito, "hoxe en día os especialistas non teñen clarificado o comportamento desta enfermidade ao cento por cento, nin a evolución dos contaxios".
Sanidade informou de que se está "estudando a causa da infección desas dúas persoas", unha das cales foi ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro, mentres que a outra foi devolta á residencia DomusVi de Barreiro porque o seu estado non requiría hospitalización.
O Sergas realizou este mércores de novo probas diagnósticas a todos os maiores que se atopan na residencia de Nigrán, así como a todo o persoal. Aínda que quedan por coñecer algúns resultados, polo momento todas as probas analizadas "deron negativo".
O presidente da Xunta pide ser "cautelosos" mentres se tenta "pescudar" as causas das novas infeccións
FEIJÓO APELA Á CAUTELA. Pola súa banda, preguntado sobre este caso nunha rolda de prensa telemática que ofreceu este mércores, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, insistiu en que se lles fixeron tres test a "todas as persoas" que se levaron a este centro. "E mentres non pasaban tres test negativos non se trasladaban á residencia de Patos", remarcou.
En todo caso, aludiu a que a velocidade de incubación do virus é variable segundo as persoas, polo que "non se pode descartar" que algún dos residentes trasladado a Nigrán xa estivese incubando o virus, no que agora "deu positivo".
Así, apelou a ser "cautelosos" e sinalou que, aínda que pode ser "que o virus xa acompañase" aos diagnosticados na residencia de Nigrán, tamén "pode ser que non" e que "se collese" no propio centro. "É o que temos que pescudar e por iso estamos testando ás persoas que están nesa residencia, igual que testamos ao 40% das máis de 22.000 persoas que están neste tipo de centros en Galicia", concluíu.