A simpatía da viguesa Desirée Vila conquista 'La Resistencia'

A atleta paralímpica deu un exemplo de superación e chanceou sobre a amputación da súa perna: "Agora polo menos só me cheira un pé"

Desirée Vila, en su entrevista en 'La Resistencia'. MOVISTAR
photo_camera Desirée Vila, en su entrevista en 'La Resistencia'. MOVISTAR

Que Desirée Vila é un exemplo de superación xa era sabido e agora moitos españois tamén saben que é un exemplo de simpatía. A ximnasta viguesa que perdeu unha perna en 2015 por neglixencia médica tras sufrir un accidente cando adestraba foi a invitada este mércores de La Resistencia, o programa de humor que presenta David Broncano.

Vila acudiu a presentar o seu libro La único incurable son las ganas de vivir e non dubidou en rirse de si mesma e dos chistes que compartiron os fans do programa, que repasou o humorista xienense. "Nesta entrevista hai que ser coidadoso, non hai que meter a pata", dicía un deles, entre as gargalladas da moza viguesa.

Convertida agora en atleta paralímpica, Desirée fixo incluso varios chistes sobre a amputación que sufriu da súa perna: "A min chéiranme moito os pés, agora polo menos só me cheira un".

Tamén falou abertamente das súas próteses (ao programa levou o modelo fashion) e das diferentes funcións que teñen, como patapalo. E iso levou a Broncano a preguntarlle polo diñeiro, ante o que lle explicou que cobrara 1,5 millóns de indemnización, pero que iso é o que lle custarán as próteses que terá que levar toda a vida.

En tan só unhas horas, a entrevista á galega converteuse en viral e moitos medios fixéronse eco dela. Nas redes sociais, ademais, é un dos temas do día. E é que Vila "deu pé" a iso.

Comentarios