CUT, CIG e STAJ, dispostos "a interrumpir a folga" se hai negociación real

Tras 83 días de protestas, os tres sindicatos contrarios ao preacordo co Goberno galego emprazan á Xunta e ás outras catro centrais sindicais a sentarse a negociar o próximo mércores 

Mesa de negociación de Xustiza. PEPE FERRÍN
photo_camera Mesa de negociación de Xustiza. PEPE FERRÍN

O tres sindicatos contrarios ao preacordo co Goberno galego en materia de xustiza, Alternativas na Xustiza-CUT, CIG e STAJ, mostráronse este luns, tras 83 días de protestas, dispostos "a interromper a folga" se "todas as partes implicadas" sentan a negociar, algo que pasa por "non levantarse da mesa", un escenario que, segundo advertiron, "non houbo ata agora".

Así o indicaron representantes sindicais tras a asemblea mantida cos funcionarios da xustiza en Ourense, onde sen facer mención ás denuncias dos outros sindicatos sobre o ambiente no que se produciron as votacións do venres, afirmaron sentirse apoiados polos traballadores para manter as súas reivindicacións tras a votación na que un 52% rexeitou o preacordo e a última oferta do Goberno galego.

Na súa intervención, o portavoz de Alternativas na Xustiza-CUT, Pablo Valeiras, integrante do comité de folga, manifestou a "disposición" destes sindicatos a "interromper" a folga para o que emprazou á Xunta de Galicia e ás outras catro centrais sindicais ?USO, UXT, CC OO e CSIF? a sentar a negociar o vindeiro mércores para pór fin a un conflito que o vindeiro luns cumprirá tres meses consecutivos de paro e tras os "máis de 22.000 xuízos suspendidos".

"Se a Xunta acepta sentar a negociar estamos dispostos a interromper a folga durante as negociacións, pero para iso ten que haber un escenario que non houbo ata agora, que é unha negociación real", apuntou Valeiras, quen recalcou que "ata agora" o Goberno galego o único que fixo é "chegar, deixar o documento e marcharse".

Para iso, piden que na reunión que solicitan para o vindeiro mércores na EGAP ás 10 da mañá estean presentes "todas as partes implicadas".

Nestes momentos, este tres sindicatos afirman que confirmaron a presenza de UXT -que non se pronunciou publicamente- que xunto ao tres sindicatos permitiría ter, segundo este representante do comité de folga, "maioría suficiente" para chegar a un acordo.

Preguntado sobre a eventual presenza do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, Valeiras lembrou que "el mesmo dixo publicamente que aceptaría sentar na mesa de negociación cando se interrompese temporalmente a folga" polo que "cada un asuma a súa responsabilidade".

No que respecta aos principais puntos de conflito na negociación, un dos principais puntos de desacordo -manifestou- segue sendo a cláusula de revisión", onde denunciou a "posición intransixente" da Xunta tras asegurar que a actual proposta fai que os traballadores galegos "queden relegados sempre ao sexto ou sétimo posto".

"Nós o que propomos é unha cláusula que permita quedar sempre en cuarto paso que permita alcanzar a paz social para moitos anos", apuntou.

En segundo lugar, estas centrais rexeitan a proposta relativa aos "plans de recuperación" tras aclarar que a paralización da actividade xudicial vai levar "brutais cargas de traballo".

A este respecto advertiu que non sería coherente que traballadores que non secundaron a folga poidan acceder a un plan de recuperación mentres que aqueles que estiveron 83 días en folga e con mesas colapsadas non teñan ningún plan de actuación".

Tras case tres meses de folga, insisten en que os funcionarios da Xustiza non queren "un acordo a calquera prezo" polo que emprazan a unha negociación "real" onde se asine "punto por punto" para poder "rematar o conflito" onde "nin somos radicais nin temos intención de ser xerme dunha folga galáctica", resolveron. 

Comentarios