Os sindicatos de Xustiza esperan a mediación do Consello da Avogacía Galega

A Xunta acepta a proposta aínda que cre que fai máis falta "reflexión" que "mediación"

Reunión entre sindicatos de Justicia y la Xunta. PEPE FERRÍN
photo_camera Reunión entre sindicatos de Justicia y la Xunta. PEPE FERRÍN

O comité de folga dos funcionarios da Administración de Xustiza de Galicia revelou este luns que o Consello da Avogacía Galega ofreceuse para mediar no seu conflito. A Xunta de Galicia mostrouse disposta a explicar ao Consello a oferta aínda que sinala aos sindicatos que fai falta "reflexión" e non "mediación".

Os representantes dos traballadores, pertencentes aos sindicatos SPJ USO, Alternativas na Xustiza CUT, FeSP UXT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO, reuníronse este luns con membros do Consello da Avogacía Galega, tras 55 días de folga indefinida.

A través dun comunicado, o comité de folga explica que os avogados mostraon "a súa profunda preocupación pola inasumible situación na que se atopa a Administración de Xustiza", con 17.000 xuízos, 55.000 trámites procesuais, miles de declaracións e centos de videoconferencias suspendidos, segundo os cálculos sindicais.

A representación social revela que o Consello da Avogacía Galega ofreceuse "como posible mediador para buscar unha solución satisfactoria ao conflito e parar os prexuízos que se lles está causando á cidadanía e ao servizo público". "O presidente do Consello (Félix Mondelo) ofreceuse a porse en contacto o máis rápido posible co conselleiro de Xustiza (o vicepresidente, Alfonso Rueda) co fin de que a Administración acepte esta mediación que sirva para alcanzar un acordo que poña fin á situación de enquistamiento do conflito", continúa o comité.

Ao redor de dúas decenas de funcionarios en folga, vestidos coas súas camisetas azul coa mensaxe de "Xustiza en loita" acudiron este luns a Pontevedra, a unha zona de obras da autovía A-57, no tramo Vilaboa-Ermida. Fontes do comité de folga explicaron a Efe que o obxectivo era facerse visibles ante a visita do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aos que acusaron de organizar "outro acto publicitario".

Aínda que non puideron achegarse aos mandatarios, exhibiron numerosas pancartas nas que reclaman o fin a un conflito cuxa folga indefinida empezou o 7 de febreiro. Segundo os sindicatos, o seguimento da folga este luns foi dun 86% en Pontevedra, un 85% en Ourense, un 83% en Vigo, un 77% en Santiago, un 75% en Lugo e un 66% na Coruña, con festivo local en Ferrol e máis dun 80% nos partidos xudiciais máis pequenos.

A Xunta calcula que unhas 925 persoas secundaron a folga, con 176 ausencias xustificadas e 775 en servizos mínimos, o que dá un seguimento dun 33,7%. Por provincias, o maior seguimento rexistrouse en Pontevedra, cun 41,3%; seguido por Ourense, cun 37,93%; A Coruña, cun 28,48%; e Lugo, cun 27,24%.

XUNTA. Fontes de Vicepresidencia da Xunta, con competencias en Xustiza, explican que o Goberno autonómico "comparte a preocupación pola situación dos xulgados galegos como consecuencia da folga dos funcionarios da Administración de Xustiza, que está a provocar innumerables prexuízos aos cidadáns".

Aclara que despois de meses "de negociacións, máis de quince reunións e oito ofertas á alza por parte da Xunta, o único punto que impide o acordo é a cuestión económica". "A Xunta está disposta a explicar a súa proposta e o estado da negociación aos avogados galegos, e aos seus representantes no Consello Galego da Avogacía, como está a facer con toda a cidadanía. Non hai que esquecer que estamos a falar de diñeiro de todos os galegos", continúan as mesmas fontes.

Comentarios