Sofía e Martín, os nomes máis frecuentes dos bebés nacidos en Galicia en 2017

O IGE mostra un aumento do uso de nomes galegos, con Uxía, Antía, Iria, Brais ou Antón, entre os primeiros 20 postos

Los pies de un bebé.AEP
Los pies de un bebé.AEP

Sofía e Martín foron os nomes máis frecuentes das nenas e nenos que naceron en Galicia durante o ano 2017, segundo reflicte a 'Estatística de nomes dos neonatos galegos' que publicou o Instituto Galego de Estatística (IGE). 

En ambos os casos, tanto Sofía como Martín repiten como o nome máis habitual, xa que durante o ano 2016 xa se situaron no primeiro posto. O mesmo sucede con Noa, o segundo nome máis frecuente entre as nenas galegas. En cambio, nos nenos recén nados, Lucas substitúe en 2017 a Mateo como o segundo máis común. 

Por orde, na lista de nomes de mulleres, a Sofía e Noa, séguenlle Daniela, Martina, Sara, Lucía, Alba, Carla, Lara e Vera. A diferenza de 2016, Sara baixa do terceiro posto ao quinto e Alba do quinto ao sétimo. Tamén saen do primeiros dez nomes máis comúns Valeria e Carmen, que si figuraban o ano anterior, e entre o 1 e o 20, desaparecen Lía e María. 

En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os dez máis frecuentes son Martín, Lucas, Mateo, Hugo, Leo, Enzo, Daniel, Pablo, Manuel e Izan. En comparación con 2016, constátase que Pablo desaparece dos cinco primeiros postos, substituído por Leo. Con respecto a 2007, o único nome que coincide é Hugo, o cuarto máis habitual.

AUMENTO DE NOMES GALEGOS. Por outra banda, se se amplía a mostra e téñense en conta os 20 primeiros nomes, destaca o aumento no emprego de nomes galegos, aínda que aparecen nos últimos postos. 

No caso das nenas, o primeiro nome galego sitúase no posto 16, con Uxía. Se en 2016 só aparecían Uxía e Antía, en 2017 tamén se coan na lista Antía, Iria e Sabela. 

En canto aos homes, o primeiro nome en galego é Brais, no número 17, seguido de Antón, que substitúe a Anxo que aparecía en 2016, e seguido de Iago. 

O IGE tamén dispón da Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación, a través da que se pode coñecer a evolución histórica dos nomes en función da localidade, o xénero ou a década, desde antes de 1930 até a actual. 

A estatística ofrece información relativa aos nomes da poboación que ten fixada a súa residencia na comunidade autónoma de Galicia, e permite coñecer a distribución comarcal de calquera nome. 

Comentarios