O Sorteo de Nadal deixa un belisco de case 13 millóns de euros en Galicia

Pontevedra foi a provincia máis agraciada nun sorteo que tocou Vilalba e levou ata A Fonsagrada e Vigo parte do segundo premio 
 
Administración de Lotería do Grove onde se vendeu o terceiro premio. JAVIER CERVERA
photo_camera Administración de Lotería do Grove onde se vendeu o terceiro premio. JAVIER CERVERA

Este ano non puido ser. El Gordo de 2019, o 26.590, pasou de longo de Galicia, onde non se vendeu ningún dos décimos do primeiro premio dun Sorteo de Nadal que repartiu na comunidade beliscos de sorte, pouco menos de 13 millóns en total diseminados polas catro provincias. 

Como notas destacadas, en Vilalba, onde o pasado ano caeu o Gordo, deixouse ver de novo a sorte, con parte do terceiro premio na mesma xornada na que se celebra o seu tradicional Feira do Capón. 

Ademais, en Galicia tamén caeu parte do segundo premio, que deixou 1.250.000 euros en O Grove e A Fonsagrada mentres que a contía máis alta foi por obra dun dos cuartos, o 49.797, que repartiu máis de cinco millóns no municipio pontevedrés de Cuntis

Pontevedra foi, de feito, a provincia máis afortunada, porque a ela foron a parar máis de 9 millóns en premios dos case 13 que caeron en Galicia. Destes, 5.060.000 euros foron os que deixaron en Cuntis os 253 décimos despachados do 49.797, mentres que en Vigo a sorte repartiu máis de 3,3 millóns, co 10.989 (segundo premio), o 6.293 (quinto) e o 74.770 (quinto). 

Dentro desta mesma provincia, resultaron agraciados os municipios de Pontevedra, Salceda de Caselas e O Porriño, onde se venderon algúns décimos do 66.212 (quinto premio), así como Padrenda, O Porriño ou Tui, grazas ao 6.293 (quinto premio). Outro quinto, o 74.770, repartiu algúns décimos os oito municipios pontevedreses, mentres que en Sanxenxo deixou 6.000 euros un décimo do 81.610, outro dos quintos.

SEGUNDO E TERCEIRO PREMIO. O premio máis importante que se repartiron en Galicia este domingo foron o segundo, o 10.989, que deixou 1.250.000 euros en A Fonsagrada e outro tanto cunha serie vendida en Vigo. 

Do mesmo xeito, o terceiro premio, un número dos considerados 'feos', o 750, levou de novo a sorte ata Vilalba, onde deixou 500.000 euros en premios, a mesma cantidade que foi para O Grove. Unha administración de Santiago, ademais, vendeu un décimo deste número, premiado con 50.000 euros. 

No caso da provincia de Lugo, repartíronse algo máis de 1,7 millóns de euros en premios, dos que 1.250.000 foron para A Fonsagrada e medio millón máis para Vilalba, que recibe de novo a sorte deste Sorteo. Ademais, o 66.212 (quinto) deixou 6.000 euros en Monforte e dous décimos doutro quinto, o 6.293, foron vendidos en Guitiriz e Rábade.

PREMIOS NA CORUÑA E SANTIAGO. Finalmente, para a provincia da Coruña foron a parar algo máis de dous millóns de euros en premios, o máis cuantioso o que deixou algo máis de 1.500.000 euros na cidade herculina. Foi grazas aos 251 décimos vendidos na cidade do número 6.293, un dos quintos premios. 

Con todo, este non foi o único premio que tocou na cidade, onde unha serie do 41.710 (cuarto premio) deixou 200.000 euros. 

En Santiago, pola súa banda, a sorte chegou en forma dun décimo do terceiro premio, o 750, dotado con 50.000 euros, cos 252.000 que repartiu o 66.212 (quinto premio) e cun décimo do 81.610, premiado con 6.000 euros. 

O Sorteo de Nadal deixou, ademais, na Coruña, beliscos doutros quintos premios en Muxía, Fene ou Mazaricos, ata onde viaxaron o 66.212 e o 74.770. 

A provincia que menos fortuna tivo no sorteo deste 22 de decembro foi Ourense, onde unicamente foron vendidos dous décimos do 6.292 (quinto premio), o que supón 12.000 euros en premios. 

Comentarios