Suspendida a folga do sector de ambulancias tras aceptar o preacordo económico

Os sindicatos advirten de que a desconvocatoria da mobilización "só se dará no momento da firma definitiva do convenio" 

Traballadores de ambulancias concentrados este xoves na entrada do hospital Clínico de Santiago de Compostela. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Traballadores de ambulancias concentrados na entrada do hospital Clínico de Santiago de Compostela. XOÁN REY (EFE/ ARQUIVO)

Os traballadores do transporte sanitario de Galicia en folga ratificaron por 396 votos a favor (80,81%), fronte a 73 en contra (14,89%) e 21 abstencións (4,28%), o preacordo económico alcanzado coa patronal, o que supón a suspensión do inicio da folga indefinida previsto a partir do 20 de marzo para reivindicar un novo convenio colectivo. 

Así o informou o comité de folga após as asembleas de traballadores realizadas entre a tarde e noite deste mércores nas que se aprobou o preacordo económico. 

Os sindicatos UXT, CIG e CC OO advirten, non entanto, que coa aprobación deste preacordo "queda suspendido o inicio da folga indefinida a expensas de como se desenvolva a seguinte parte da negociación do convenio colectivo". 

As centrais sindicais resaltaron a "altísima participación" nas asembleas celebradas e incidiron en que "un resultado tan claro supón a firma definitiva deste preacordo". 

Con todo, advirten de que "en calquera momento a folga pode ser activada no caso de novos bloqueos" por parte dos empresarios do sector. "Coñecemos como as gasta a nosa patronal e a súa nula fiabilidade", aseguran.

SUBIDA. O "importante preacordo" económico, explica o comité de folga, supón unha subida mínima do 22% para o período de vixencia do convenio –contando subidas anuais, a terceira paga extra e o cobro de todos os conceptos nas vacacións–, o que "significa a dignificación das condicións salariais e a compensación con creces dos anos sen convenio colectivo". "Seguimos agora polas condicións sociais e pola calidade do servizo público", conclúen.

O próximo día 25 terá lugar unha nova reunión da mesa de negociación do convenio "para os temas pendentes e para tentar chegar a un acordo definitivo", destacan os sindicatos, que lembran que serán as asembleas as que "debaterán e ratificarán ou non o conxunto do texto como se fixo até o de agora". 

Comentarios