Tráfico inicia unha campaña de prevención de atropelos nas estradas galegas

A campaña desenvolverase entre o xoves 21 e o sábado 23 de marzo

Paso de peóns onde foi atropelada a muller en Marín. DP
photo_camera Paso de peóns onde foi atropelada unna muller en Marín. DP

A Dirección Xeral de Tráfico iniciará esta semana unha campaña de prevención de atropelos nas estradas galegas ante o aumento de accidentes mortais por esta causa, que no que vai de ano provocou xa seis falecidos.

A campaña desenvolverase entre o xoves 21 e o sábado 23 de marzo e consistirá na repartición de chalecos reflectores aos peóns e condutores que abandonen os seus vehículos co fin de sensibilizar para que extremen a seguridade.

A Delegación do Goberno en Galicia informa este luns desta iniciativa, preocupada polo incremento de vítimas mortais, seis en pouco máis de dous meses de 2019, fronte aos 14 falecidos por atropelo o ano pasado.

No ano 2018, a estatística de falecidos por atropelo nas estradas galegas pechouse con nove en vías convencionais e cinco en autoestradas ou autovías, persoas que por algún motivo se atopaban fóra do seu vehículo, na beiravía.

Os estudos de accidentalidade indican que a 80 quilómetros por hora, en caso de atropelo, falece o 95%; a 50 quilómetros por hora, o 50% , e a unha velocidade de 30 quilómetros por hora, o 5%.

Comentarios