Trasladada ao hospital en Vigo unha menor de 15 anos por unha intoxicación etílica

Axentes da Policía Local atoparon a moza na rúa Inés Pérez de Ceta, próxima a varios locais de lecer nocturno

A Policía Local de Vigo atopou na madrugada deste venres unha menor, de 15 anos, con efectos dunha intoxicación etilíca en plena rúa. Pasadas as 4.00 da mañá, unha patrulla tivo que intervir na rúa Inés Pérez de Ceta, próxima a varios locais de lecer nocturno, ao atopar na vía pública á moza supostamente intoxicada. 

Unha ambulancia trasladou á menor a un centro hospitalario. A Policía Local de Vigo informou de que o feito foi comunicado aos proxenitores da rapaza. 

Por outra banda, a Policía Local de Vigo denunciou a un establecemento situado na rúa Vázquez Varela por supostamente vender alcohol a menores. Os axentes identificaron a catro rapaces que adquiriran bebidas alcohólicas dispensadas supostamente neste establecemento ás 2.28 horas deste xoves. 

Segundo lembrou a Policía Local, a venda de alcol a menores é constitutiva dunha infracción en base á Lei 11/2010 de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.