Tui lamenta a falta de colaboración do Goberno en desaloxo da pirotecnia

O Concello recorda que o Xulgado de primeira instancia e instrución da localidade ordenou a retirada e destrución do material altamente inflamable atopado en zulos uns días logo da explosión de maio

O Concello de Tui lamenta a ausencia de colaboración que segundo denuncia, está a sufrir por parte da Subdelegación do Goberno en Pontevedra en relación co desaloxo das instalacións da pirotécnica La Gallega, en Baldráns.

O Concello subliña nun comunicado que a Subdelegación é a titular das autorizacións en materia de explosivos.

A pirotecnia en cuestión pertence ao dono das instalacións clandestinas que explotaron hai meses en Paramos e que causaron dúas vítimas mortais e numerosas desfeitas materiais.

O Concello recorda que o Xulgado de primeira instancia e instrución da localidade ordenou a retirada e destrución do material que foi depositado nesta pirotecnia pola propia Subdelegación tras ser atopado en zulos uns días logo da explosión de maio.

A corporación tudense lamenta que non tivese coñecemento desa orde do xulgado logo de acordar unha coordinación entre administracións en relación a este asunto.

Avanza que dará traslado diso ao Xulgado contencioso administrativo 1 de Pontevedra.

Pola súa banda, a Subdelegación do Goberno de Pontevedra asegura que non ten ningunha orde xudicial para proceder á eliminación dos materiais explosivos que foron comisados pola Garda Civil.

Nun comunicado, a Subdelegación destaca que estes materiais reúnen todas as condicións de seguridade desde o momento da súa incautación, e engade que o resto do material que non está intervido é responsabilidade da empresa.

Comentarios