A TVG, R e a Amtega poñen en marcha cinco retos tecnolóxicos no marco dos contidos dixitais

Mellorar os produtos e servizos e impulsar o emprego son dous dos principais obxectivos desta iniciativa

Xosé Pereira, director da área de innovación e negocio da TVG, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e a directora de área de sociedade dixital de AMTEGA, Rosa Martínez, este venres no programa 'A Revista'. TVG
photo_camera Xosé Pereira, director da área de innovación e negocio da TVG, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e a directora de área de sociedade dixital de AMTEGA, Rosa Martínez, este venres no programa 'A Revista'. TVG

A Corporación Radio Televisión de Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o operador galego R unen forzas para o desenvolvemento de cinco retos tecnolóxicos para emprendedores e empresas, enmarcados na aceleradora de contidos dixitais R  DiCo  Challenge. 

Alfredo Ramos, director xeral de R, Rosa Méndez, directora da área de Sociedade Dixital de Amtega, e Xosé Pereira, director da área de Innovación e Negocio da Radio Televisión Galega explicaron no programa A Revista esta iniciativa, que busca "fomentar a innovación tecnolóxica no campo dos contidos dixitais". 

Entre os obxectivos destes retos, os seus responsables sinalaron o aproveitamento destas iniciativas para mellorar os produtos e servizos, e impulsar o emprego, nun sector que xa reúne máis de 5.000 traballadores e unhas 900 empresas. 

Televisión de Galicia colabora nos cinco retos pero céntrase nun, unha análise de 'big data' aplicado ao consumo televisivo. Segundo a director da área de Innovación e Negocio da CRTVG, o obxectivo é coñecer o comportamento dos usuarios en relación cos medios de comunicación en Galicia e tamén noutros produtos audiovisuais, como os videoxogos. 

Pereira explicou que, para a realización deste reto, a CRTVG poñerá a disposición dos elixidos os sistemas de medición de audiencias da corporación ou das súas canles dixitais. 

Dentro dos outros retos, destacan un novo sistema de enriquecemento de contidos deportivos ou a creación de aplicacións para Android TV. Ademais, tamén se buscará buscar solucións para transmitir contidos formativos e divulgativos dunha maneira innovadora. 

Comentarios