A TVG recobra a normalidade tras unha avaría técnica

A canle autonómica habilitou outro plató tras non poder emitir o espazo 'Bos Días'

Logo de la TVG
photo_camera Logo da TVG

A TVG emite este xoves os seus informativos do mediodía, o 'Galicia Noticias' e 'Telexornal Noticias', desde outro estudio distinto ao habitual debido a un problema técnico, que lle obrigou a recorrer á emisión de contidos gravados durante a mañá.
 
Segundo informou a TVG nun comunicado, un problema na matriz principal do control afectou a dous estudos de directo, polo que non se puido emitir o informativo 'Bos Días'. 

O equipo técnico estivo traballando para substituír esta matriz e, á vez, acondicionar o plató 5, que se usa habitualmente para formatos de gran tamaño, para garantir a emisión dos servizos informativos 'Galicia Noticias', desde as 13,55 horas, e do 'Telexornal Mediodía', desde as 14,30, nos seus horarios habituais. 

A TVG aclarou que a matriz non é un equipo novo e que a incidencia non está relacionada co proceso de dixitalización que se realiza na CRTVG. Ademais, remárcase que está "absolutamente descartado que calquera problemática laboral interna teña que ver co sucedido".

14 SEGUNDOS. A CRTVG precisou que o único momento de perda de emisión foi ás 7,59 horas e 46 segundos, que "durou 14 segundos e non tivo que ver con este incidente senón cun minutado". Neste sentido, destácase que os profesionais da CRTVG "actuaron con total dilixencia para evitar que a pantalla se fose a negro máis aló destes 14 segundos" e que, "tras detectar o poroblema no control, reaccionaron ao instante programando contidos gravados".
 
De feito, a CRTVG remarca que os técnicos seguen traballando "para restablecer o servizo público informativo pola primeira canle o máis axiña posible".

CRÍTICAS. Desde En Marea esixiuse responsabilidades á dirección da CRTVG polos "problemas técnicos de máis de catro horas", que a formación atribúe ao "proceso de dixitalización" e que sostén que "supoñen o maior corte na emisión en toda a historia da televisión autonómica". 

En Marea preguntará no Parlamento de Galicia sobre "as verdadeiras causas deste grave problema" e dos motivos de que un problema técnico nunha "televisión que vai estar nos máis altos niveis de tecnoloxía, segundo o seu director xeral, tarde tanto en ser reparada". 

Por iso, o partido entende que a avaría "suxire que o plan de dixitalización da CRTVG non ten aparellado un plan de continxencias". 

Pola súa banda, a portavoz do grupo socialista na Comisión de Control á CRTVG, Noela Blanco, reclamou a comparecencia do director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, para dar conta da caída de emisións da TVG, para coñecer os motivos e as medidas postas en marcha para resolver o que cualifica como "xoves negro". 

Blanco lembra que a caída de emisións prodúcese apenas quince días despois de que Sánchez Izquierdo comparecese na Cámara autonómica para loar o proceso de dixitalización, que a socialista denuncia que "foi feito tarde, mal e arrastro", cun custo de 15 millóns de euros e un "sobrecusto de 900.000 euros" que "non serviron para previr eventualidades" como a deste xoves. 

Os socialistas falan de "un xoves negro", facendo referencia aos "25 venres negros, nos que o persoal do ente protestou pola manipulación política nos informativos".