A última palabra do Chicle, sen perdón

Visiblemente nervioso ao falar, Abuín Gey cargou con dureza contra a Garda Civil, como xa fixera na vista oral
El Chicle, por videoconferencia. EP
El Chicle, por videoconferencia. EP

José Enrique Abuín Gey 'O Chicle' fixo uso este mediodía da que podería ser a súa última palabra sobre o caso Quer, se o recurso da súa avogada non frutificase. No seu discurso, intentou defenderse dalgunhas acusacións, pero ningunha das súas frases a dedicou a pedir perdón.

Visiblemente nervioso ao falar, Abuín Gey cargou con dureza contra a Garda Civil, como xa fixera na vista oral. "A Uco mentiu e pódese demostrar. Rexistráronme o coche, tanto o Alfa (Romeo) como o Fiat, voluntariamente, e cortaron unha parte de asento dianteiro porque parecía que había ADN de algo e non apareceu nada. ¡E diso non dixeron nada!", exclamou. Ao que engadiu que "se eu limpo o coche, non aparecese nada". 

A partir de aí, o seu 'speech' mesturou reproches a distintas actuacións do caso. Por unha banda, volveu a chamar "mentireiros" aos gardas civís que estudaron a localización dos "xitanos" porque "as caravanas non estaban onde din". E, ao fío disto, volveu insistir en que el "estaba a roubar gasoil" aos feirantes e que se estes non botaron en falta combustible foi polas súas supostas habilidades no furto do carburante. "Eu podo roubar 300 litros e non se dan nin conta", dixo. 

A continuación referiuse á suposta violación á súa excuñada en 2005, un caso que está aberto. "Poden escoitar declaracións da miña exmuller nas que conta como a súa irmá lle dixo que todo era mentira".

Para finalizar, lanzou un terceiro ataque á Benemérita polo seu proceder ao detelo.  "A min detéñenme e xa me esposan e acusan da morte e desaparición de Diana Quer directamente, non polo caso Tania (ocorrido catro días antes)". "Poden preguntarlle aos das mutua (onde o arrestaron cando estaba a recibir fisioterapia), porque foi así", aseverou, antes de virar de novo cara ao coche no que transportou a Diana. "Se eu limpo o coche non aparece nada nos sientos".
"Nada máis, moitas grazas", foi a súa despedida.

Comentarios