viernes. 15.10.2021 |
El tiempo
viernes. 15.10.2021
El tiempo

O sindicato maioritario Uso únese aos críticos para buscar un acordo en Xustiza

Xuntos reivindican a súa nova maioría  O Goberno galego asegura que o paro alcanzou este mércores o seu "mínimo histórico" de participación, cun "16,9%" 

O sindicato con máis representación na xustiza galega, SPJ-Uso, uniuse ás tres organizacións que rexeitaron a oferta actual da Xunta e xuntas reivindicaron a súa nova maioría no comité de folga. Tras manter unha reunión este mércores en Santiago, SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, STAJ e CIG emitiron un comunicado no que destacan que queda establecida unha "nova maioría sindical" e instan o resto de centrais a que se adhiran". En conxunto, ofreceron á Xunta a suspensión da folga coa vontade de alcanzar un acordo esta semana que poña fin ao conflito.

"Estando preto dos tres meses de folga é responsabilidade tanto da Xunta como do comité de folga acabar con este conflito ao longo desta semana, polo que instamos á Xunta a que nos convoque o máis axiña posible para iniciar unha negociación que permita pór fin ao conflito e, desta forma, evitar maiores prexuízos á cidadanía e comezar canto antes a posta ao día dos xulgados galegos", argumentan.

No texto, ademais, sinalan que o resultado das asembleas do pasado venres "deixou moi claro" que os traballadores do sector non consideran que a última oferta da Administración termine co conflito. Para alcanzar un acordo "e co ánimo de tenderlle a man á Xunta de Galicia", adiantan "a posibilidade de facer unha interrupción da folga unha vez constatada que hai vontade de negociación" por parte da Administración autonómica. Aclaran que o seu interese é "centrar as negociacións" nos puntos "que impediron" a aprobación da oferta da Xunta en votacións, en concreto a cláusula de revisión e o plan de recuperación do traballo atrasado.
 

Tras a dimisión do presidente do comité de empresa, a segunda en menos de dúas semanas, asume o cargo Julio Bouza, tamén de SPJ-Uso

As catro organizacións sindicais remitiron este documento aos medios na mesma xornada na que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu por rota "a unidade sindical" durante a súa intervención nun acto en Abadín, no que tamén fixo referencia á dimisión do presidente do comité de folga. En concreto, segundo explicaron fontes sindicais, o membro do sindicato SPJ-Uso Juan Carlos Dacal, que asumira a presidencia deste órgano tras a renuncia do seu compañeiro Manuel Tejada o 21 de abril, presentou a súa dimisión deste órgano por motivos "persoais e de saúde". Tras iso, asumiu o encargo Julio Bouza, tamén de SPJ-Uso.

SEGUIMENTO. Na súa intervención nun acto en Abadín, Rueda tamén xustificou a ausencia da Xunta da reunión solicitada este mércores por Alternativas na Xustiza-CUT, STAJ e CIG ao asegurar que a "convocatoria nin sequera era do comité de folga que forman sete sindicatos" e non "só tres". 

Os catro sindicatos esperan reunirse este xoves  ás 11 na sede da CIG en Santiago de Compostela cos outros tres: FeSP UXT, CSIF e CC OO

Sobre esta cuestión, o portavoz de Alternativas na Xustiza-CUT, Pablo Valeiras —que compareceu ante os medios acompañado por Enrique Araújo (STAJ) e Óscar Freixedo (CIG)—, argumentou que a incomparecencia da Xunta demostra que Alfonso Rueda é "un mentireiro" xa que, segundo indicou, dixo que "sentaba" se as organizacións "aceptaban unha interrupción" da folga. 

Así as cousas, o vicepresidente autonómico deixou claro que Administración non seguirá nunha "poxa" na que "cada vez que pon unha oferta encima da mesa" hai unha "serie de sindicatos que tiran un pouco máis para arriba para que nunca acabe a folga". Todo iso nunha comparecencia ante os medios na que tamén asegurou que "os índices de participación na folga rexistran" este mércores "o seu mínimo histórico". En concreto, a Xunta cifrou o seguimento do paro nun 16,9% e 467 persoas

Á marxe do escrito, os catro sindicatos esperan reunirse este xoves ás 11 na sede da CIG en Santiago de Compostela cos outros tres sindicatos: FeSP UXT, CSIF e CC OO. Consultadas por Efe, fontes de UXT recordaron que non asistirán a ningunha reunión convocada por CUT, STAJ e CIG "a non ser que recitifiquen publicamente" a acusación de que había un documento asinado "e se desculpen cos compañeiros de Vigo e Pontevedra, que sufriron unha situación moi delicada, incluso coaccións" o día da votación.

Aclaran, en todo caso, que si acudirán se é a Xunta a que convoca ao comité de folga para continuar coas negociacións para pechar o paro indefinido, que empezou o 7 de febreiro.

Os sindicatos CSIF e CC OO aínda non adoptaron unha decisión sobre a súa postura respecto dos movementos dos demais sindicatos, aínda que explican que a tomarán democraticamente e comunicarana.

O sindicato maioritario Uso únese aos críticos para buscar un...
Comentarios