Valería Quer explica nun vídeo a "tortura" que viviu tras a desaparición da súa irmá

A moza madrileña, que abriu unha canle de Youtube, relata que foron días "moi duros e difíciles"

Valeria Quer. EFE
photo_camera Valeria Quer. EFE

A irmá de Diana Quer, Valeria, abriu unha canle de Youtube e para estrealo publicou un vídeo falando da desaparición da súa irmá o 22 de agosto de 2016 na Pobra do Caramiñal. A moza madrileña relata como viviu as primeiras horas tras a ausencia de Diana e a "tortura" pola que pasou a súa familia durante 500 días, ata a aparición do corpo nunha nave de Rianxo o pasado mes de decembro.

O vídeo, titulado Os meus primeiros días sen a miña irmá, foi publicado este xoves e supera xa as 37.800 visualizacións. Nel, Valeria recorda que o día anterior á desaparición de Diana, as dúas estaban na súa casa coa súa nai, Diana López Pinel, pero finalmente a súa irmá "animouse" a ir ás festas do pobo cunha amiga. "Díxome: 'Adeus, Vale.' Deume un bico e foise pola porta", relata a moza, que quedou "tranquilamente" na casa. 

"A miña nai mandoulle unha mensaxe dicíndolle que se necesitaba algo, que se quería que a recollese, pois que a avisase, pero a miña irmá sempre foi así, que non quixo molestar moito. Por non facer levantar á miña nai volveuse a casa camiñando", relata.

Á mañá seguinte, foi Diana López Pinel quen espertou á súa filla pequena para alertala de que a súa irmá non regresara a casa. "Ao principio non mo tomei como nada raro e pensei que se quedou a durmir en casa dunha amiga", conta Valeria no vídeo. 

Tras contactar cos amigos de Diana, foron denunciar a desaparición e a pegar carteis polo pobo coa súa foto e os seus datos. "Puxemos a denuncia e fómonos para casa. Os nosos días baseábanse en estar no sofá coa televisión posta, esperando noticias que non chegaban. Vendo como se desenvolvía todo pero non había novidades", recorda a moza.

"A verdade é que pasamos uns días moi malos. Son difíciles de recordar, téñoos borrosos. Pero recordo que me regalaron un diario onde ía escribindo como me sentía logo da desaparición. Escribir axudábame un pouco pero a situación era moi difícil, superábanos a todos", recoñece Valeria.

"Iso foi o principio da tortura que tivemos que vivir durante 500 días", indica a youtuber antes de despedirse dos seus seguidores e anunciar próximos vídeos falando da relación entre ela e a súa irmá.
 

Comentarios