O verán pecha con 16 mortos nas estradas galegas

A cifra é a máis baixa desde 2017
Los dos vehículos implicados en el accidente mortal de Mos. SXENICK
photo_camera Os dous vehículos implicados no accidente mortal de Mos. SXENICK

O verán deste 2020 pechou con 16 falecidos nas estradas galegas, a cifra máis baixa desde 2017, cando se rexistraron 10 mortos neste período na Comunidade, de acordo cos datos do Balance de Sinistralidade presentados este xoves polo ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska. 

Deste xeito, o número de mortes baixa nunha con respecto ao ano pasado. De acordo co balance, no verán de 2018 os falecementos foron 21 e no anterior foron 10. As cifras desde 2010 mostran unha tendencia descendente en Galicia desde as 33 vítimas mortais dese verán. 

En toda España, foron 202 os falecidos, un 6% menos con respecto ao ano pasado, de modo que o de 2020 é o verán menos sinistros da historia. En concreto, durante os meses de xullo e agosto deste ano, producíronse 185 accidentes mortais (un 7% menos) e un total de 821 persoas requiriron hospitalización (un 8% menos). 

"Nunca houbo un verán con menos falecidos na serie histórica", destacou o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, que no entanto, advertiu de que as cifras de falecidos nas estradas "nunca son boas". 

O ministro deu a coñecer estes datos este xoves na sede da Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Na presentación do balance de sinistralidade do verán deste ano estiveron tamén a subsecretaria do Ministerio do Interior, Isabel Goicoechea, e o director xeral de Tráfico, Pere Navarro, entre outras autoridades. 

A cifra en toda España, 202 falecidos, é a máis baixa en toda a serie histórica

Segundo o balance deste verán, durante o mes de xullo producíronse 105 accidentes mortais nos que faleceron 114 persoas, 3 falecidos menos que os 117 rexistrados en xullo do pasado ano. E en agosto producíronse 80 accidentes mortais nos que perderon a vida 88 persoas, o que supón 10 falecidos menos que no mesmo mes de 2019. Segundo recalcou o ministro, trátase do agosto con menos falecidos da serie histórica. 

Os días con máis mortos foron o 5 de xullo, cunha decena de falecidos, e o 22 de agosto, que rexistrou 8 mortos, aínda que neste mes de agosto houbo dous días sen ningunha vítima mortal, segundo subliñou Marlaska.

O 76% DE MORTES, EN VÍAS CONVENCIONAIS. De xeito detallado, o 76% dos falecidos producíronse en vías convencionais. Neste tipo de vías houbo 153 falecidos, fronte ás 150 vítimas do ano anterior. Pola contra, en autoestradas e autovías perderon a vida 49 persoas, cando en 2019 o verán rexistrou 65 mortos. "A cifra de 49 mortos é a máis baixa da serie histórica en autovías e autoestradas", remarcou o ministro. 

Por usuarios, este verán rexistrou 84 mortes de usuarios vulnerables, o que supoñen o 42% do total de vítimas mortais: 20 peóns, cando en 2019 faleceron 14; 9 ciclistas, fronte aos 10 do ano pasado; e 55 motoristas e usuarios de ciclomotor, cando no verán de 2019 morreron 69. 

Neste sentido, reducíronse o número de falecidos en todos os medios de transporte excepto no de peóns e ciclomotor, que aumentaron. De feito, o número de falecidos en turismos este verán foi de 92, a menor cifra da serie histórica. 

Por tipo de accidente, a saída de vía segue sendo o accidente con máis vítimas mortais (representando o 47% do total de accidentes), con 95 falecidos, seguida da colisión frontal (19%), con 38 falecidos. Segundo destacou Marlaska, entre os principais factores que causan estes accidentes atópanse os descoidos e o consumo de alcol e drogas. 

Segundo o balance da DXT deste verán, o único grupo de idade que viu aumentada a mortalidade é o dos máis novos (entre os 15 e 24 anos), pasando de 23 falecidos no verán de 2019 a 38 en 2020 (un 19% máis), unha "modificación substancial" que, tal e como recoñeceu o ministro, chamou a atención". Por iso, o ministro emprazou aos máis novos a concienciarse sobre este tema. 

O único grupo de idade que viu aumentada a mortalidade é o dos mozos entre 15 e 24 anos

Outro dato que deu a coñecer Marlaska é que o 27% dos falecidos en turismo e furgoneta durante este verán non facía uso do cinto de seguridade (28 mortos) no momento do sinistro, a porcentaxe máis alta nos últimos 10 anos (20% en 2019). Ademais, 1 motorista, 1 usuario de ciclomotor e 2 ciclistas falecidos non levaban casco. 

As comunidades autónomas que rexistraron maiores descensos foron Cataluña (16 falecidos menos) e Comunidade de Madrid (4 menos). Pola contra, aumentaron en Cantabria e Castela e León (1 falecido máis en cada rexión), en Baleares, Navarra e País Vasco (con 3 máis en cada unha), en Andalucía (4 máis) e en Castela-A Mancha (6 máis).

UN 9,18% MENOS DE DESPRAZAMENTOS. En canto ao número de desprazamentos, durante este verán producíronse un total de 82,8 millóns de viaxes de longo percorrido, un 9,18% menos que o ano pasado, cando se produciron 91,2 millóns. 

Segundo o ministro, as viaxes deste verán estiveron condicionados pola pandemia de Covid-19. "é certo que a diminución facilitou a xestión do tráfico sen que existan retencións significativas na Operación Saída e na Operación Retorno" indica. De feito, o pasado 30 de agosto só houbo que habilitar carriis adicionais na A-1 e na A-5. 

No acumulado anual, levan contabilizados 543 falecidos, cando en 2019 rexistrábanse xa 708 mortos, o que supón un descenso este ano do 23%. Esta diferenza débese á redución da mortalidade durante o Estado de Alarma, xa que durante este período (do 15 de marzo ao 20 de xuño) un total de 117 persoas perderon a vida nas estradas, cando no mesmo período de 2019 esta cifra ascendía xa a 287, o que supón un 59% menos. 

Con todo, tras o fin do Estado de Alarma, morreron 225 persoas, unha cifra similar á do ano anterior (235), de só un 4% menos. 

"Cando acabe a pandemia, os accidentes de tráfico seguirán sendo importantes", alertou o ministro, que recorda que 1,3 millóns de persoas perden a vida ao ano no mundo, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), consecuencia da "violencia viaria", e outras 50 millóns resultan feridas graves.