Verín adianta as badaladas para pedir pediatras e a reapertura do paridoiro

Reclamaron as dimisións de Jesús Vázquez, Félix Rubial e Alberto Núñez Feijóo
Acto de protesta en Verín. EFE
photo_camera Acto de protesta en Verín. EFE

Traballadores do hospital comarcal de Verín e veciños de toda a zona celebraron este sábado un fin de ano simbólico, onde non faltaron as tradicionais badaladas, para pedir a recuperación do paridoiro e a presenza de pediatras na comarca a fin de non ter que desprazarse á cidade de Ourense para ser atendidos.

Con este acto festivo-reivindicativo, convocado pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da comarca, centos de persoas saíron á rúa para entoar o xa coñecido berro de Verín "non se pecha" que deu paso ás badaladas desde o simbólico castelo feito para a ocasión, onde non faltaba o reloxo e no que cada badalada simbolizaba un desexo.

Este acto tivo lugar só un día logo de coñecerse que o xerente do hospital, Miguel Abad, presentou a súa dimisiónque o Servizo Galego de Saúde (Sergas) asegura que se produciu "de común acordo" e por motivos "estritamente persoais".

"Esta protesta prodúcese en contra desta decisión incoherente e absurda de pechar o paridoiro e quitar urxencias pediátricas, e que mellor facelo que facendo estas badaladas para pedir a súa reapertura", apuntou a portavoz da comisión delegada do hospital, Eva Fernández.

Os manifestantes ironizaron co posible falta de pericia dos facultativos como consecuencia do baixo número de partos

Preguntada pola dimisión do xerente, esta representante opinou que "debería producirse o día 2, cando se incorporou, porque foi unha decisión onde non se tivo en conta aos representantes dos traballadores".

En calquera caso dixo que é "positiva" esta dimisión en canto a que "dá a razón" aos traballadores respecto das últimas polémicas decisións adoptadas polo Sergas e a Xunta.

Durante as badaladas, os manifestantes reclamaron con cada unha "a recuperación das urxencias pediátricas" e a "reapertura do paridoiro", tras cuestionar os criterios esgrimidos pola Xunta e o Sergas para proceder ao seu peche.

Neste punto, ironizaron co posible falta de pericia dos facultativos como consecuencia do baixo número de partos e preguntábanse se un bombeiro perde pericia cando non apaga incendios.

Os principais aplausos chegaron ao soar a oitava, novena e décima badaladas, nas que os manifestantes pediron as dimisións do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez; do xerente da EOXI de Ourense, O Barco e Verín, Félix Rubial; e a do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como máximos responsables da situación. 

Comentarios