El tiempo
domingo. 02.10.2022
El tiempo

Vigo e Pontevedra continúan como as áreas sanitarias máis afectadas polo covid

Un home camiña xunto a un mural en homenaxe aos sanitarios que loitaron contra o coronavirus nunha rúa de Melide. EFE/ Eliseo Trigo
Un home camiña xunto a un mural en homenaxe aos sanitarios que loitaron contra o coronavirus nunha rúa de Melide. EFE/ Eliseo Trigo
Galicia estabiliza os positivos diarios en 239

Os positivos por coronavirus detectados en 24 horas en Galicia mantéñense estables en 239, tan só un máis con respecto aos 238 novos casos notificados unha xornada antes. Ambas as cifras son os valores máis baixos da pandemia na Comunidade desde mediados de outubro. 

Segundo consta na web da Consellería de Sanidade, con datos actualizados ás 18,00 horas deste luns, as áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra-O Salnés son as máis afectadas nos datos deste martes. 

En concreto, a área viguesa sumou 69 casos de covid-19 nun día, 35 máis que os notificados 24 horas atrás; mentres que a pontevedresa, a pesar de ser a segunda en número de novos contaxios, con 49, anotou unha baixada de cinco. 

En canto ao resto de áreas sanitarias, a de Lugo-A Mariña-Monforte notificou 38 novos positivos (+14); a da Coruña-Cee, 36 (-26); e Santiago-Barbanza, 25 (+2). 

Así mesmo, as que manteñen a incidencia máis baixa seguen sendo Ferrol, con 12 contaxios detectados -15 menos-; e Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con só 10 -3 menos-.

AS PCR VOLVEN A BAIXAR EN 1.000. A web de Sanidade tamén reflicte que até o momento realizáronse en Galicia un total de 904.528 PCR. Isto significa que nas últimas 24 horas se levaron a cabo un total de 4.466 probas, outro descenso de 1.004 con respecto á xornada anterior. 

Así mesmo, a taxa de positividade repuntou unhas décimas con respecto á do luns e sitúase no 5,2%. Isto significa que Galicia volve estar lixeiramente por enriba do limiar do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia. 

A maioría de áreas sanitarias está por baixo deste límite, con Ferrol no 2,6%, Ourense no 3,1%, e Pontevedra e Santiago no 4,6%. No entanto, aínda están por enriba Vigo (5,8%), A Coruña (7%) e Lugo (7,2%).

CASOS ACTIVOS. En canto aos casos activos -persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade-, seguen cunha tendencia descendente, até os 7.646 pacientes en toda a Comunidade galega, 160 menos que o luns. 

É máis, todas as áreas sanitarias rexistraron caídas nos enfermos de covid-19. A de Vigo continúa como a que máis casos activos mantén pero xa baixou dos 2.000, cun total de 1.993 (-28); seguida da da Coruña-Cee, con 1.606 (-53). 

En canto a Pontevedra-O Salnés, ten este martes 1.137 pacientes de coronavirus (-19), mentres que as restantes contabilizan menos dun milleiro: Lugo-A Mariña-Monforte, con 935 (-16); Santiago-Barbanza, con 845 (-15); Ferrol, con 681 (-20); e Ourense-Verín-O Barco, con 449 (-9).

CURADOS E FALECIDOS. Sanidade tamén recolle que desde o principio da pandemia se diagnosticou de covid-19 en Galicia a un total de 52.472 persoas, das que 43.618 curaron, 425 nas últimas 24 horas. 

No entanto, continúa subindo igualmente a cifra de mortos que deixa a crise sanitaria na Comunidade galega, que ascende a 1.211 tras as seis novas vítimas notificadas este luns -unha delas era usuaria de residencias de maiores-. 

Vigo e Pontevedra continúan como as áreas sanitarias máis afectadas...
Comentarios