Os gromos en Galicia: Vigo suma outro con cinco casos e o do ximnasio de Arteixo alcanza os 31

O foco de Vilar de Barrio ten nove infectados tras sumarse dous novos positivos
Hospital Álvaro Cunqueiro. ARCHIVO
photo_camera Hospital Álvaro Cunqueiro. ARCHIVO

A área sanitaria de Vigo rexistrou o seu sexto gromo de coronavirus, un foco de orixe familiar que afecta a cinco persoas, segundo informaron fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Os contaxios puideron producirse nunha reunión de varios membros dunha mesma familia para celebrar un aniversario

ARTEIXO. Mentres, seguen crecendo os positivos vinculados ao gromo relacionado cun ximnasio de Meicende, en Arteixo, que alcanzou este sábado os 31 casos positivos. Son seis máis en 24 horas, segundo informan fontes do Sergas.

Para o control do gromo localizado en Meicende e as súas ramificacións, a área sanitaria da Coruña realizou este venres 500 probas PCR. Ademais, o Sergas continúa facendo seguimento dos contactos.

Este gromo é o segundo maior rexistrado polo momento en Galicia, tras o da Mariña. A súa orixe sitúase nun usuario do gimmasio que traballa como porteiro dun pub de Oleiros, local que xa foi pechado. Ademais, entre as persoas que deron positivo están un vixiante do centro cívico de Monte Alto, na Coruña, e un traballador do matadoiro municipal da mesma cidade. 

VILAR DE BARRIO. O gromo de coronavirus detectado no municipio ourensán de Vilar de Barrio, que obrigou a hospitalizar un matrimonio de nonaxenarios, suma dous novos positivos e alcanza os nove casos activos. 

Confirmárono fontes do Sergas, que destacaron que das case 150 PCR realizadas na área sanitaria de Ourense na última xornada só se detectaron eses dous novos positivos. As autoridades sanitarias continúan avanzando na identificación e seguimento dos contactos estreitos. 

O Concello de Vilar de Barrio decidiu tomar medidas de protección como a intensificación das desinfeccións, a suspensión de actividades de lecer grupal ou o peche preventivo e temporal da piscina municipal.

BAÑOS DE MOLGAS. O foco localizado en Baños de Molgas, mentres, mantense en tres casos, como en días anteriores. A primeira paciente identificada é unha muller de 79 anos que está hospitalizada.