Villares pide eleccións se Feijóo se vai e o PSdeG non as ve necesarias

Pontón insta o presidente da Xunta a dimitir no momento en que se postule para suceder a Rajoy

Feijóo, Leiceaga y Villares. PEPE FERRÍN
photo_camera Feijóo, Leiceaga y Villares. PEPE FERRÍN

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, declarou este luns que "non parece que sexa necesario unha convocatoria ás urnas" no caso de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deixe o seu cargo para intentar substituír a Mariano Rajoy á fronte do Partido Popular.

Leiceaga respondeu así tras ser preguntado polas palabras do pasado venres do portavoz de En Marea, Luís Villares, quen considerou que sería preciso, en caso da marcha do actual presidente galego, unha convocatoria electoral para que os galegos puidesen escoller cos seus votos ao seu novo mandatario.

Se a sucesión de Núñez Feijóo "suscitase un conflito interno no PP de envergadura, poderiamos pensar outra cousa", manifestou o representante do PSdeG, quen, no entanto, mostrouse sorprendido pola petición de eleccións de Villares.

Leiceaga recordou que o presidente da Xunta "elíxese entre os deputados polo Parlamento de Galicia" e que, nesta Cámara, os populares dispoñen dunha "maioría absoluta clara" que supón que non exista "ningún impedimento" para poder escoller tranquilamente ao sucesor de Núñez Feijóo. "Sería o razoable", agregou.

Pontón pídelle que dimita
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu ao presidente da Xunta que abandone o cargo no momento no que se postule para suceder a Mariano Rajoy como líder do PP, se é que así o decide.

En rolda de prensa, Pontón subliñou que sería "ilexítimo" e "unha falta de respecto" para Galicia que Núñez Feijóo pretendese seguir á fronte do Executivo autonómico se se decanta por presidir o seu partido.

"O mínimo respecto por este país pasa por que anuncie a súa dimisión no mesmo momento que formalice a súa candidatura para ser o sucesor de Rajoy" en tanto que "ten que elixir, ou ser sucesor de Rajoy ou presidente de Galicia".

Segundo a nacionalista, "é urxente que nos aclare que vai facer" porque Galicia non pode estar subordinada a un "presidente interino".

Comentarios