miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

As vítimas do Alvia maniféstanse en Santiago e advirten de que "é hora de que haxa dimisións"

A marcha saíu pasadas as 11.00 horas da estación de Renfe e transcorre polo Ensanche compostelán en dirección á Praza do Obradoiro

Ao redor dun centenar de persoas, entre elas vítimas e familiares de afectados polo accidente do tren Alvia en Angrois, maniféstase este martes polas rúas de Santiago para esixir "responsabilidades políticas" a PP, PSOE, Adif e Renfe. 

En declaracións aos medios de comunicación, o portavoz da plataforma de vítimas, Jesús Domínguez, advertiu de que "é hora de que empece a haber dimisións e cesamentos". 

Cinco anos despois do sinistro ferroviario, que se cobrou 80 vidas e deixou a 144 persoas feridas, a plataforma, á que quixeron acompañar numerosos representantes políticos, segue demandando "verdade, xustiza e responsabilidades políticas". 

A marcha saíu pasadas as 11.00 horas da estación de Renfe e transcorre polo Ensanche compostelán en dirección á Praza do Obradoiro, onde os afectados darán lectura a un manifesto. 

A plataforma das vítimas do Alvia segue demandando verdade, xustiza e responsabilidades políticas

O quinto aniversario prodúcese nun contexto con novidades respecto dos anteriores tanto no plano xudicial como no político. 

Así, no primeiro, nos xulgados son sete as persoas investigadas por posible responsabilidade penal: o maquinista –que circulaba cun exceso de velocidade ao ter que atender unha chamada do interventor– dous altos cargos de Adif, un de Renfe e tres técnicos da consultora pública Ineco –estes seis por unha eventual análise de riscos deficiente–. 

Mentres, no ámbito político, a comisión de investigación no Congreso dos Deputados botou a andar hai dúas semanas e retomará os seus traballos despois do verán con algúns dos principais implicados, entre eles os exministros de Fomento José Blanco, PSOE e Ana Pastor, PP.

As vítimas do Alvia maniféstanse en Santiago e advirten de que "é...
Comentarios