A Plataforma de Vítimas Alvia 04155 lamentou este mércores, cando están a piques de cumprirse sete anos do accidente no que perderon a vida 80 persoas, o "ninguneo" dos gobernantes e institucións en España.
"Primeiro foi o PP, con Rajoy á fronte, e os seus ministros: Ana Pastor, Íñigo de la Serna, Rafael Catalá; despois o PSOE de Sánchez e o seu ministro Ábalos; e, por último, o vicepresidente Pablo Iglesias"
Ao longo destes anos, engadiu, as vítimas e os seus familiares e amigos tiveron que ir a Europa "para ser tratados como verdadeiros cidadáns" e loitaron "moito para desmontar a verdade oficial".
"Transcorreron máis de 2.500 días, houbo catro gobernos e catro ministros de Fomento distintos e aínda non hai unha investigación técnica independente como reclama a Unión Europea", indicaron na nota, na que criticaron que tampouco a houbo no xulgado.
As vítimas e a cidadanía merecen "saber toda a verdade", insistiron e argumentaron que "non investigar correctamente impide tomar as medidas adecuadas para evitar que feitos tan terribles poidan volver repetirse".
![]() |
O maquinista do Alvia siniestrado en Angrois. ARQUIVO |
En canto ás responsabilidades penais, seguen imputados o exdirector de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, e o maquinista, Francisco José Garzón, pero a asociación considera que "existe responsabilidade penal por parte de Renfe", posto que tiña constancia por escrito dun aviso do un xefe de maquinistas sobre o perigo da curva.
No ámbito político, "a comisión parlamentaria pechouse en falso, sen conclusións", criticou a plataforma, que reclamou a investigación técnica independente.
"É imprescindible que se depuren todas e cada unha das responsabilidades e que se esclareza toda a verdade", reiterou no comunicado, no que lembrou que un informe de 2016 da UE concluíu que o Goberno central "non cumpriu coa obrigación" de investigar o ocorrido e puxo de manifesto "a falta de independencia e a invalidez da investigación realizada" pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF).
OS ACTOS DE HOMENAXE
![]() |
Acto de homenaxe en Angrois. ARQUIVO |
En vésperas do sétimo aniversario, as vítimas preparan un ano máis varios actos para lembrar ás vítimas. Deste xeito, este xoves ás 19,00 horas haberá unha asemblea e reunión informativa para asociados e afectados no Pazo do Faramello, en Rois.
O venres unha manifestación sairá ás 11,00 horas da estación de tren de Santiago e terminará na praza do Obradoiro, onde ao redor das 12,00 horas lerase un manifesto. Nesa mesma xornada, ás 18,00 horas, haberá unha misa na igrexa de Sar e ás 19,30 horas, unha concentración e acto de homenaxe en Angrois, no lugar no que descarrilou o Alvia.
O 25 de xullo, ás 12,00 horas haberá un encontro familiar tamén no Pazo do Faramello. O presidente da plataforma, Jesús Domínguez, destacou que os actos son similares aos doutros anos, pero aos mesmos acudirá "bastante menos xente" para tratar de evitar riscos sanitarios.
O 24 de xullo de 2013, o tren Alvia 04155, que saíu de Madrid e tiña como destino Ferrol, descarrilou na curva da Grandeira, en Angrois, a poucos quilómetros da estación de Santiago e morreron 80 persoas (aínda que as vítimas contabilizan 81) e sufriron feridas 144.