viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

A Xeración Nós e Cicerón cóanse na segunda xornada da Abau "silenciosa"

Alumnos nun dos exames da selectividade en Lugo. XESÚS PONTE
Alumnos nun dos exames da selectividade en Lugo. XESÚS PONTE
A Ciug destaca "o exemplo de civismo" do alumnado e o respecto ao protocolo de seguridade

Normalidade e calma. As probas da Abau en Galicia desenvolvéronse con tranquilidade na segunda xornada de exames, ata o punto de que representantes da propia comisión organizadora non dubidan en rebautizala como "a selectividade silenciosa", polo contraste co bulicio de todos os anos e a concentración exemplarizante mostrada polo alumnado para facer os exames e cumprir coas medidas de seguridade. 

Un desenvolvemento que sorprende, segundo recoñece Pedro Armas, da Comisión Interuniversitaria de Galicia (Ciug), tendo en conta o importante volume de alumnos (por enriba dos 14.500) e as decenas de comisións delegadas que hai repartidas polo territorio. 

Os exames arrincaron ás 9.00 horas con lingua galega e literatura II, con diferentes exercicios sobre textos de Eli Ríos e Marcos Pérez Pena (Praza), comentario crítico, lingua e gramática. As Irmandades da Fala e o Grupo Nós foron parte dos temas incluídos na proba, precisamente o ano en que se conmemora o centenario desta xeración e da fundación da publicación, ademais da Xeración do 36, as Festas Minervais, o teatro galego do 36 ao 75 e a prosa de finais do século XX. 

A mañá pechouse con primeira lingua estranxeira II, matemáticas II e latín II. No caso de inglés, houbo diversas probas de vocabulario, comprensión lectora e fonética, entre outras, mentres que na terceira das materias incluíronse exercicios de tradución, análise morfolóxica e sintáctica, ademais dos discursos de Cicerón, a Eneida de Virgilio e a poesía lírica de Horacio.

Xa polo tarde tocaron as probas de debuxo técnico II, artes escénicas, segunda lingua estranxeira II, química e grego II

Os organizadores valoran que o alumnado galego está a dar "un exemplo de civismo"

As impresións desta xornada son moi similares ás deste martes, e mesmo de maior tranquilidade. As medidas adoptadas para garantir a circulación nos centros de exame están a funcionar á perfección e os alumnos cumpren coa orde establecida para a incorporación ás aulas, onde realizan os exames "en silencio" e "concentrados" plenamente nas súas tarefas. 

Armas incidiu na "sensación de confort" que predomina no ambiente, aínda que insistiu en que a maioría de materias deste mércores representaban "grupos reducidos, moi espaciados" e "con menos alumnado na aula". 

Tanto os alumnos como os docentes manifestan, mesmo, "comodidade" desde o primeiro día, e "todo transcorre sen incidencias". Tampouco se están rexistrando problemas reseñables con aglomeracións ou grupos de alumnos, que "foron moi conscientes do momento no que leva a cabo esta proba" e das circunstancias que vive a sociedade.

"E iso notouse", insistiu. Os mozos "abandonan deseguido os corredores, non se acomodan fóra da aula nin en vestíbulos e circúlase con fluidez", e os docentes están "gratamente sorprendidos" pola resposta "excepcional" dos seus estudantes e o funcionamento do protocolo. 

Neste sentido, Armas destacou que "non hai dúbida de que o alumnado galego está a dar un exemplo de civismo" e de que todos os profesionais que acudiron ás sedes, como vixiantes ou vocais, entre outros, colaboraron para que todo o proceso se celebre "con garantías" e coa sensación "de normalidade". 

A Xeración Nós e Cicerón cóanse na segunda xornada da Abau...
Comentarios