Xogalego, o recuncho que visibiliza os videoxogos feitos en lingua galega

Iago Gordillo, impulsor do proxecto Xogalego e de Recuncho Gamer. CEDIDA
O proxecto, capitaneado por Iago Gordillo, quere tecer pontes entre os desenvolvedores e o público

En Galicia existen actualmente 55 estudos, particulares ou empresas dedicadas ao desenvolvemento de videoxogos, así como preto de 175 títulos creados na comunidade ou publicados en lingua galega. Trátase dunhas cifras que non deixan de aumentar nos últimos anos e que seguirán medrando no futuro próximo. Segundo Devuego, a maior base de datos sobre videoxogos en España, a produción galega incrementouse nun 64% desde 2021 e só neste 2026 está previsto que outros nove produtos vexan a luz.

Pese a ese notable crecemento do sector e da oferta, xogar en galego continúa sendo para moitas persoas unha tarefa complexa. A ausencia de filtros específicos, a información incompleta ou os catálogos pouco fiables converten a búsqueda destas obras nas grandes plataformas nunha carreira de obstáculos. Nintendo, PlayStation ou Xbox, por exemplo, non permiten facer un cribado por idioma e, aínda que o título estea dispoñible en galego, non o sinalan porque esta lingua non está recoñecida no seu sistema. Pola súa parte, Steam —o principal portal de distribución de videoxogos para ordenador— ofrece datos erróneos: moitas obras aparecen etiquetadas como dispoñibles en galego cando en realidade non é así.

Esta situación foi a que motivou ao equipo de Recuncho Gamer, un perfil especializado na divulgación videolúdica, a crear unha web que facilitase ao público buscar videoxogos en galego de forma rápida e sinxela. O portal chámase Xogalego e, tal e como explica Iago Gordillo —responsable de ambos proxectos—, o seu obxectivo é "facilitar a descuberta dos videoxogos dispoñibles en galego" e "tender pontes entre os estudios que os crean ou traducen e o consumidor que agradece atopar estas obras na súa lingua".

A iniciativa quere, ademais, actuar como elemento incentivador para que cada vez haxa máis videoxogos en galego e, ao mesmo tempo, apoiar ás persoas e estudos que desenvolven estas obras en Galicia. A súa creación é un feito que celebran desde a Asociación Galega de Videoxogos. Beni M. Lado, o seu presidente, non dubida en describila como "unha ferramenta marabillosa" que "axuda a dar visibilidade" ao sector.

Ata o momento a páxina ten recopiladas máis de 120 obras e ofrece información sobre en que plataformas están dispoñibles e para que idade están recomendadas. Hai títulos feitos en Galicia e tamén obras traducidas ao galego. Ademais, permite realizar búsquedas por xénero (terror, estratexia, aventura, rol,...), nome, plataforma, estudo, tipo de xogo (comercial, traduccións, descatalogados,…), número de xogadores e outros moitos criterios.

Os comezos do proxecto

O proxecto comezou a xestarse en setembro de 2024. Esa época, en palabras de Gordillo, supuxo "un punto de inflexión" para tódalas persoas que conforman Recuncho Gamer. Cansos de ter que localizar xogos en Steam para reseñalos e ter que comprobar "un por un" cales estaban realmente en galego, decidiron crear "un pequeno excel" no que almacenar toda a información recopilada.

Pouco despois, optaron por transformar esta idea nunha páxina web aberta ao público e presentala á convocatoria de Proxectos Singulares da Deputación da Coruña. E é que se eles, un perfil especializado en videoxogos, tiñan tantas "dificultades" para encontrar obras en galego, o seu descubrimento pola cidadanía resultaba aínda máis complicado.

A mediados de 2025 recibiron a confirmación de que foron unha das iniciativas premiadas e, a partir de aí, puxéronse mans á obra. Actualmente seguen traballando "de forma continua no volcado de xogos" asegura Gordillo, xa que levantar unha base de datos destas características "leva tempo". O equipo está conformado por catro persoas que ademáis de cribar a información de Steam, consultan o portal Devuego ou Itch.io.

Iniciativa normalizadora contra "os prexuizos"

Máis alá da pantalla, Xogalego pretende ampliar a súa labor divulgativa mediante charlas en centros educativos co obxectivo de "derrubar prexuízos sobre o sector aínda presentes na sociedade". Ademais, busca orientar ás familias para axudalas a identificar que "tipos de videoxogos poden ser axeitados e beneficiosos" para os seus fillos, así como asesorar ao profesorado sobre o uso destes xogos na aula como outro recurso educativo válido á hora de ensinar e aprender.

A difusión do proxecto entre os escolares tamén cumpre unha función normalizadora. Para Lado trátase dunha ferramenta "máis necesaria ca nunca nesta época na que o castelán é a lingua máis falada en Galicia", mentras que Gordillo destaca que contribúe a romper coa percepción de que "os videoxogos só están en castelán ou inglés".Convén recordar que, segundo o IGE, o 80,84% dos menores de 14 anos empregan o castelán como lingua vehicular.

Un sector en crecemento

Xogalego é unha das moitas iniciativas xurdidas neste último lustro que evidencian o crecemento do sector en Galicia, como a apertura do Museo do Videoxogo en 2022 ou a celebración, xa en 2025, da Atlantic Games Conference e de Pixel á Feira.