sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

A Xunta iniciará o estudo para incoar como Ben de Interese Cultural o Entroido galego

Os Cigarróns de Verín son unhas das personaxes máis emblemáticas do Entroido galego. BRAIS LORENZO (EFE)
Os 'Cigarróns' de Verín son unhas das personaxes máis emblemáticas do Entroido galego. BRAIS LORENZO (EFE)

O conselleiro de Cultura visitou as celebracións do entroido de Xinzo de Limia

A Xunta iniciará o estudo para incoar como Ben de Interese Cultural o Entroido galego, en aras de conservar tanto o patrimonio material como inmaterial dunha festividade con fondas raíces en Galicia e que ten unha importante contribución ao turismo no inverno.

Así o avanzou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante a súa visita ás celebracións do entroido de Xinzo de Limia, declarado de Interese Turístico Internacional e o máis duradeiro de España, xa que se prolonga durante cinco semanas.

En Xinzo de Limia, Román Rodríguez lembrou que Ourense conta ademais cun entroido de Interese Turístico Nacional en Verín e outro cinco de Interese Turístico Galego (Viana do Bolo, Laza, Maceda, Manzaneda e Vilariño de Conso) e que foi a provincia na que máis creceu a demanda turística o pasado ano, cun incremento de preto do 3%.

TORRE DA PENA. Antes de participar no entroido de Xinzo de Limia, Román Rodríguez visitou o Castelo Torre da Pena da mesma localidade, un Ben de Interese Cultural que será obxecto de restauración.

O titular de Cultura avanzou que o seu departamento investirá 225.600 euros para estes traballos, con financiamento dos fondos Feder 2014-2020 e que está previsto que se liciten este 2019.

Xa se está ultimando a redacción do proxecto básico de execución para a posta en valor da Torre da Pena. O proxecto, segundo precisou o conselleiro, define as actuacións necesarias para resolver as filtracións desde a cuberta e restaurar a torre. Ademais, recuperarase a lectura da muralla exterior para dar a coñecer o castelo.

Román Rodríguez lembrou que os traballos realizados en anos previos pola Administración autonómica permitiron comprobar a existencia de muros pertencentes ao resto dun antigo castelo medieval, dos que a Torre da Homenaxe é o elemento máis visible da fortaleza.

A Xunta iniciará o estudo para incoar como Ben de Interese Cultural...
Comentarios