A Xunta pide que toda Galicia pase á fase 1 da desescalada o 11 de maio

Solicita tamén que a referencia que se tome sexa a área sanitaria e que a mobilidade sexa libre en toda a comunidade
Gente paseando por Ferrol. KIKO DELGADO
photo_camera Gente paseando por Ferrol. KIKO DELGADO

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou este mércores que o Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo pedirá que toda Galicia pase á fase 1 do proceso de desescalada o próximo 11 de maio e que a referencia que se tome sexa a área sanitaria.

Acompañado doutros dirixentes do Servizo Galego de Saúde, Almuiña detallou as características do documento que se remite ao Ministerio de Sanidade e esgrimiu a situación de Galicia neste momento -seguen en tratamento 2.808 pacientes de coronavirus e 236 permanecen ingresados-.

"Tanto os números absolutos como as tendencias son positivas no conxunto de Galicia e en todas as áreas", explicou o conselleiro, quen indicou que nos últimos 14 días non se computou ningún caso de transmisión en 190 municipios (e en 196 ningún caso de transmisión comunitaria).

Ademais, o Sergas defende a capacidade sanitaria e hospitalaria de Galicia se houbese que dar resposta a novos casos, así como de seguir e illar calquera contaxio que se detecte.

Mobilidade en toda Galicia

A Consellería de Sanidade defende a mobilidade en "toda" a Comunidade galega porque a "situación epidemiolóxica é boa" no sete áreas sanitarias de Galicia, tras diminuír os casos de coronavirus. "Cremos que a medida debería ser máis flexible entre territorios na mesma situación epidemiolóxica", aseverou.

O titular de Sanidade subliñou que "a situación de Galicia é boa neste momento para pasar de fase" e insistiu en que "hai un control da situación" en todas as áreas sanitarias galegas, polo que defende a mobilidade entre todas elas xa que esta petición "equilibra as restricións". "Pódeo aprazar a outra fase", admitiu no entanto en relación a unha posible negativa do Ministerio.

Así mesmo, incidiu en que "todas as áreas (sanitarias) cumpren" os criterios do Ministerio para pasar á fase uno o vindeiro luns. "A provincia é unha división administrativa de hai un século e non se adapta ás circunstancias dunha atención sanitaria dentro dunha epidemia", concluíu.

Comentarios