A Xunta sustitúe a dous directores xerais que concorrerán as municipais

Luis Menor e Cecilia Vázquez serán relevados por Santiago Villanueva e Cristina Pichel

Luis Menor
photo_camera Luis Menor

O Goberno galego autorizou este mércores o cesamento da até agora directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e do seu homólogo á fronte de Emerxencias e Interior, Luis Menor, que serán candidatos do PP ás eleccións municipais de 2019 en Betanzos (A Coruña) e Pereiro de Aguiar (Ourense), respectivamente.  

A saída de Menor propicia, segundo ratificou o presidente, Alberto Núñez Feijóo, o regreso á Xunta de Santiago Villanueva. Natural de Monterrei (Ourense), Villanueva xa exerceu de director xeral de Emerxencias entre 2009 e 2014, cando foi nomeado delegado do Goberno en Galicia. 

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago é funcionario do corpo superior de xestión da Xunta. Anteriormente foi subdirector xeral de Administración Local, subdirector xeral de Cooperación e Réxime Xurídico, subdirector xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais e director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública. 

Por outra banda, o presidente tamén anunciou a "fichaxe" de Cristina Pichel, de 29 anos, como substituta de Cecilia Vázquez á fronte da dirección de Xuventude. Nada en Lalín en 1989 é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. 

Pichel traballou como redactora en Faro de Vigo e en ABC antes de incorporarse á Xunta, onde traballou nos gabinetes de prensa dos departamentos autonómicos de Educación e Cultura.

ESTUDOS DO TERRITORIO. O Consello da Xunta aprobou tamén este mércores o nomeamento do arquitecto Guillermo Evia Pérez como novo director do Instituto de Estudos do Territorio, cargo no que substitúe a Inés Santé, que, en palabras de Feijóo, cesa "por motivos persoais" vinculados a novos retos no ámbito da universidade. 

A Xunta destaca a súa "ampla experiencia" na xestión administrativa local do tamén exedil popular, quen xa en 2006 accedeu ao Concello de Ferrol como concelleiro de Urbanismo. Entre 2011 e 2015, co exconselleiro José Manuel Rey Varela á fronte da Alcaldía, foi nomeado edil de Urbanismo e entre 2013 e 2015 ocupou o cargo de primeiro tenente de alcalde.

CONSELLO REITOR DA EGAP. Finalmente, o Executivo autonómico aprobou o decreto de nomeamento dun novo vogal do Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Será o catedrático de Dereito Administrativo Francisco Javier Sanz Larruga. 

Coa aprobación desta designación, queda cuberta a vacante existente após o falecemento de José Luís Meilán Gil, anterior vogal do consello reitor da EGAP. 

Comentarios