Yolanda Díaz: "Ir de novo a eleccións é arriscarse a entregarlle a Moncloa á dereita"

Nin futura ministra nin candidata á Xunta en 2020. A ferrolá, deputada de Unidas Podemos e portavoz de Galicia en Común, confesa que os seus esforzos se centran agora en tentar acadar un acordo de Goberno co PSOE que acabe coa parálise do país
Yolanda Díaz, en un mitin en Pontevedra en abril. RAFA FARIÑA
photo_camera Yolanda Díaz, en un mitin en Pontevedra en abril. RAFA FARIÑA

Teremos Goberno en setembro?
Desexo que si. Non telo sería unha auténtica imprudencia.

Con Yolanda Díaz de ministra?
Yolanda Díaz está traballando para sacar adiante un programa de Goberno para o conxunto do Estado e leva meses niso. Os nomes son o de menos, o importante é cumprir o mandato das urnas do 28-A, no que a xente votou por un Goberno plural que acabe dunha vez por todas co bipartidismo.

Pero non negará que o ministerio que tanta discrepancia xerou, o de Trabajo, levaba o seu nome.
Ninguén no meu espazo político me propuxo nada nin me falou disto. É certo que a prensa anda detrás diso desde hai meses, pero  iso é algo mediático porque a min, e son moi rigorosa nisto, ninguén me propuxo nunca que asumise ningunha responsabilidade.

Por que non houbo pacto de Goberno de PSOE e Unidas Podemos?
É moi sinxelo: porque a metodoloxía de Sánchez e a Moncloa nesta investidura foi errónea. El tiña o mandato do xefe do Estado para lograr unha maioría parlamentaria e durante tres meses non exerceu ese papel: non negociou con nós nin con ningunha outra forza política, que foi o que todos lle reprochamos no Congreso. Sánchez tentou facer a cuadratura do círculo con algo insólito nas democracias modernas como é vetar unha persoa que representa 4 millóns de votantes; e cando Iglesias se botou a un lado para garantir un Goberno de progreso, o PSOE deuse de conta de que lle quedaban 48 horas para negociar un acordo que non querían levar adiante. A sensación é que o PSOE busca un acordo coas forzas da dereita, de aí os chamamentos a Cs e PP.

Con total rigor digo que ninguén no meu espazo político me propuxo nada nin me falou nunca de ministerios

Cre que os cantos de serea do CIS están influíndo no PSOE?
Non podo saber o que está na cabeza de Sánchez, que ademais é unha persoa complicada porque cada día pensa unha cousa diferente. O que vin, como vimos todos, é que subiu á tribuna fantaseando e mesmo ameazando cunha repetición electoral. Pero penso que acudir ás urnas con pretensións estritamente partidistas para tentar sacar mellor resultado é unha irresponsabilidade que vai penalizar á esquerda.

Ve entón demasiado arriscado acudir a unhas eleccións?
Non sabemos o que pode pasar o 10 de novembro, pero os sociólogos apuntan a dous fenómenos claros. Por un lado, o hartado da cidadanía, para a que os políticos somos o segundo problema tras o paro, nuns niveis que non se viron nin no 15-M. A xente ve que levamos uns meses co país paralizado e que necesitamos reactivar as políticas públicas e a economía. E por outro lado, imos a un outono cunha sentenza en relación a Cataluña que pode cambiar a escena política, porque volverá levar o eixo cara ao debate territorial, que nunca favorece á esquerda. Ir a eleccións é un risco elevado e poden pasar dúas cousas: que Sánchez lle entregue a Moncloa á dereita ou, como apuntan as enquisas, que se reproduza máis ou menos o 28-A. Así que penso que non se debe xogar co país.

Cre a ameaza do PSOE de que xa non haberá Goberno de coalición con vostedes ou é un farol?
Eu insisto en que Sánchez di unha cousa un día e outra diferente ao seguinte. Eu vivín con sorpresa como o PSOE nos ía ofrecendo direccións xerais, secretarías de Estado, ministerios, competencias... Un espectáculo pouco edificante par a democracia! O 28-A a xente deixou claras dúas cousas: que o bipartidismo morreu en España, aínda que o PSOE se resista a entendelo; e que a xente quere gobernos á europea, de coalición, nos que se reparte o espazo político e se pacta un programa. Entón a nosa proposta é clara: a garantía de poder mudar a vida da xente é formar un Executivo plural.

O PSOE estvio tres meses parado e quixo negociar un Goberno en 48 horas

Yolanda Díaz, en el Congreso. ARCHIVO

Non lle gusta o modelo portugués?
É curioso que o PSOE acuda a un modelo que é a excepción en Europa, o portugués. Sánchez quéreo para seguir recortando e practicando políticas de dereitas en materia económica, como fixo Portugal coa reforma laboral que aprobou apoiándose na dereita, e logo deixar un anaco do espazo público para pactar algunha política con nós. Estamos diante dun PSOE ‘susanizado’, no que Sánchez agora coincide cos baróns que o sacaron antes de Ferraz e iso preocúpanos. O modelo á portuguesa non é desexable, xa que da barra libre para seguir recortando e empobrecendo a cidadanía.


Unidas Podemos foi xeneroso co PSOE nos pactos municipais e autonómicos. Séntense traizoados?
Fomos xenerosos xa nunha moción de censura que ata os minutos antes de votar o PSOE non quería que saíra adiante, sendo Pablo Iglesias o que pelexou con todos para que se aprobase. Fixemos presidente a Sánchez a cambio de nada e desde entón levamos traballando con xenerosidade nos espazos municipais e autonómicos. Por iso o maior reproche que podo facerlle a Pedro Sánchez e ao PSOE e esa resistencia que teñen a entender que España mudou, que a cidadanía é europea, moderna e quere progreso. Non comprenden o que pasou o 28-A, onde quedou claro que os españois non teñen medo a conformar un Goberno de coalición. Pero o PSOE insiste en apuntalar un bipartidismo que xa non existe e que xa non vai mudar por moito que repitan eleccións.

Cre que o PSOE agarda polo novo proxecto de Errejón para ter un aliado máis dócil na esquerda?
Non me atrevo a cualificar a Errejón con un aliado máis ou menos dócil nin sei o que pasa pola cabeza dos que dirixen a Moncloa. O que é evidente é que foron a unha investidura fallida e como non se poñan rápido a traballar coa única forza que lles pode dar un Goberno de esquerdas, será demasiado tarde. O PSOE xa perdeu demasiado tempo e debe reactivarse para chegar a setembro cos deberes feitos.

Repróchanlle a vostede que Galicia estivo ausente na investidura.
Galicia estivo presente unicamente por Galicia en Común e estou orgullosa de tocar todos os grandes problemas na miña intervención, aínda tendo pouco tempo.

"Para derrotar a Feijóo úrxenos reconstruír o camiño que aquí se fixo e que estivo mal dirixido"
Tomou distancia coa política galega ou séguea de preto?
Non podo tomar distancia porque teño unha filla que vive en Ferrol e porque son galega. De feito, todos os grupos do Congreso nos recoñecen como as persoas que defendemos esta comunidade. Galicia está presente sempre, son galega, radico aquí e traballo para que o meu país acade os niveis de dereitos que nos merecemos.

Acúsana de estar detrás dos movementos para derrocar a Luís Villares como líder de En Marea.
Hai bastante tempo que Yolanda Díaz deixeu a vida interna. Son militante de base de EU e non estou nesas andainas, nin estiven nin vou estar nunca. Estou traballando polo meu país.

Pode penalizar á esquerda a división do rupturismo e incluso do nacionalismo de cara ás eleccións autonómicas de 2020?
Sen lugar a dúbida. As teorías sobre a multiplicidade de partes que sinalaban que dividindo se podían obter mellores resultados non son certas; sempre que nos dividimos, debilitámonos. Penso que debemos encetar un programa de transformación para Galicia que nos sitúe na era posFeijóo, debemos reconstruír o camiño que se leva feito e que, sinceramente, penso que estivo mal dirixido. É unha urxencia facelo.

Vese de candidata en Galicia?
Estou traballando na responsabilidade de tentar sacar adiante un programa de Goberno para o Estado e nesas ando. No caso galego, debemos trazar un programa que sexa executable e levalo a cabo cos mellores equipos e coas persoas que se presenten de candidatas, que hai moitas e boas. 

Comentarios