
E
O cantante Miguel Bosé reapareceu en Instagram para publicar, tal e como prometeu nun post anterior, o primeiro dunha serie de vídeos nos que pretende dar a coñecer a súa visión da pandemia. Logo da última polémica protagonizada polo artista ao animar aos seus seguidores a participar nunha manifestación negacionista celebrada o pasado domingo, Bosé pretende "aclarar" as informacións oficiais porque ve "que hai moita manipulación".
"Empezamos polo bicho: díxose que eu dixen que dixeron que eu dixen que o bicho non existe. O bicho existe e matou a moita xente, en marzo-abril deste ano matou a moita xente", explicou na rede social o músico.
"Os nosos maiores, os nosos avós nas residencias e tamén se nos foron as persoas que tiñan patoloxías previas, porque o seu sistema inmunolóxico estaba moi debilitado. Foi devastador", continuou relatando Bosé, quen no entanto remarca que, a partir dese momento, a cifra foi baixando segundo os datos oficiais do Goberno
Os datos que manexamos son oficiais. Non estamos a inventar nada. Quen teña paciencia pode acceder a estas páxinas e contrastar. Cando vos chegue unha noticia, facede o esforzo de buscar máis aló, non escoitar unha soa voz: dese xeito contrástase e podemos facernos nós unha imaxe do que realmente sucede", afirmou.
É por iso que o músico reiterou que "nestes momentos a forza (do virus) está a diminuír" e pide contrastar as informacións de distintas fontes. Neste sentido, recordou que "moitos foron castigados" por ofrecer estas versións e púxose como exemplo, posto que non ten habilitada unha das súas redes sociais por ser "un neno malo".