sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

'OT': Da ledicia pola Míriam finalista á triste despedida de Roi

Roi, de OT, con Roberto Leal. RTVE
Roi, de OT, con Roberto Leal. RTVE

A de Pontedeume con orixes en Lugo acadou a segunda mellor puntuación tras Amaia e o teense deixa orfos a compañeiros e profesores

 

Contaba o luns o usuario de Twitter Trikru que lembraba hai anos a Míriam Rodríguez Gallego chorando nun banco da escola porque cancelaban Operación triunfo. "Hoy se hace finalista y casi soy yo el que lloro". A concursante de Pontedeume con orixes luguesas acadou un pase directo á final. Unha alegría para os afeccionados galegos do talent show, que o luns, ao igual que o resto dos alumnos e profesores da televisiva academia e ata o presentador do programa, Roberto Leal, tiveron que chorar a despedida do teense Roi Méndez, a alma de OT.

Míriam non só aspira a converterse en gañadora do renovado formato televisivo que ten seducido aos millennials senón que será candidata a representar a TVE en Eurovisión. Carne de memes son os seus xestos cando logo da avaliación do xurado pasaba directa á finalísima, cunha puntuación só superada pola da favorita Amaia, que coleccionou deces por parte de Mónica Naranjo, Joe Pérez Orive, Manuel Martos e Julia Gómez Cora, como se fose unha Nadia Comaneci dos escenarios.

O nome da cantante de Pontedeume -con ADN chairego como o de Manuel María, de Outeiro e Castro de Rei- non estaba nas quinielas de favoritos. Esta moza de 21 anos escribe as súas propias cancións e é fan a un tempo de Taburete e de Sés. Na súa canle de YouTube pódense atopar versións do Despacito e do Hallelujah de Leonard Cohen. É esixente e traballadora e, tamén, unha mamarracha que baila a todo dar Señoras bien de Las Bistecs.

O actor Brays Efe, célebre na pel de Paquita Salas, autoerixiuse hai unhas semanas presidente do fandom -a comunidade de seareiros- de Míriam. Celebrou nas redes sociais o seu pase á final. "No lo dudé ni un segundo. Súper orgulloso de ti. ¡Vamos, leonas!".

"Lo de ayer de Aitana fue sublime. Amaia en toda la edición ha estado brillante en todos los sentidos, pero a mí Míriam me mata, la más completa, versátil, con personalidad en su voz y en su presencia y con mucho temple". Quen asina esta palabras é Pastora Soler, cantante e representante de TVE en Eurovisión en 2012.

Se Brays Efe e Pastora Soler apostan forte por Míriam, o paso de Roi pola academia non está a causar precisamente indiferencia. Polos dous concursantes galegos tamén sae o futbolista uruguaio do PSG Edinson Cavani, un adicto ao programa de TVE que aproveita a súa conta de Instagram para amosar as súas filias.

Instagram é tamén a rede social empregada polo actor de Hollywood Josh Hutcherson, coñecido por interpretar a Peeta Mellark en Os Xogos da Fame, que o luns á noite pendurou unha captura de pantalla de como votaba para salvar a Roi da súa "nominación".

O apoio de Peeta non foi abondo e Roi Méndez abandonou o luns o programa cun Roberto Leal ao borde das bágoas e os compañeiros sobrevivintes e os profesores sumidos na tristura. A directora, Noemí Galera, choraba o luns na canle 24 horas mentres repasaba a gala e ata a impasible Mónica Naranjo publicou unha mensaxe en Twitter de canto había botar de menos a Roi.

O exguitarrista da orquestra Olympus desembarcou este martes na rede dos 280 caracteres e este martes á tarde ía camiño de rebasar os 50.000 seareiros. En cuestión de 20 minutos, o seu exército de sapoconchos conseguiu que #FrenilloCorto, en referencia á canción que compuxo cando foi operado de fimose, fose trending topic. Como lle dicía o luns Galera, isto non fixo máis ca empezar.

'OT': Da ledicia pola Míriam finalista á triste despedida de Roi
Comentarios