domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

Descubriendo el Gerês: gastronomía y naturaleza al otro lado de la Raia

Un paseo en lancha polo río Caldo mergullounos de cheo nun parque que aparece cando o Xurés galego se mira no espello: o Peneda-Gêres, en Portugal. Eramos un grupo de xornalistas máis ávidos de aventura que de información que aceptamos o convite de Boemia Tour e Turismo do Porto e Norte de Portugal para pasar dous días rodeados de gastronomía e de natureza, porque as dúas van da man. Era o programa O verão começa no Gerês.

E como o tempo ben aproveitado dá para moito, ao final nas follas dos nosos cadernos tamén apareceron algunhas notas. Por exemplo, deste lado da Raia o Caldo non é moi coñecido. Pero repasando unha páxina do libro de historia xa podemos situarnos: as súas augas van parar ao Cávado, o río polo que fuxiu Napoleón Bonaparte cando o duque de Wellington o botou de terras lusas.

En todoterreo monte arriba
Quen abriu o libro foi Hugo, o condutor do todoterreo que nos levou coñecer cada recuncho dun parque que vén de obter oficialmente a declaración de reserva da biosfera xunto co seu irmán galego, a segunda transfronteiriza de España. Os seus cabelos loiros e os ollos claros que agochaba debaixo dos lentes de sol deixaban imaxinar a súa orixe xermánica. O destino levouno primeiro ao Algarve hai nove anos, e despois de tres marchou para o norte para traballar con Boemia Tour.

Como guía, non ten prezo. "Os meus clientes, que veñen ata de Bélxica e de Holanda, sempre volven!", presume, cun acento portugués que non consegue disimular o alemán. Monte arriba, o primeiro que chama a nosa atención é unha pequena casa de fiestras verdes que semellaba quitada dun conto. Máis tarde xa comprobamos que había máis dunha. Noutro tempo, hai alomenos vinte anos, foron morada dos gardas forestais. "Había moitos e percorrían o parque a pé; agora hai menos e van en jeep", explica Hugo.

A riqueza dunha paisaxe enxebre
En contra do que moitos pensan, unha paraxe ben aproveitada non implica que sexa esclava da modernidade. A riqueza no Gerês dana os camiños de coios, os buracos, os regos que fai a auga monte abaixo cando chove, a decoración enxebre dos seus camiños. E o noso guía sabe tan ben como 'vender' estas virtudes que aproveita ata os saltos no coche: "Esta é a masaxe do Gerês", di entre risas. Seguindo coa ruta, Hugo explica que na parte máis baixa a flora autóctona foise perdendo en favor de eucaliptos e mimosas.

"Antes todo isto era campo, a xente vivía aquí, tiñan vacas... pero fóronse indo e os carballos substituíronos por esta praga". Ao ir subindo aparecen outra vez os carballos. Entre as súas follas medran lobos, xabarís e incluso unha raza de cabalo, o garrano, que só habita neste parque natural. O punto máis alto do Gerês atópase a 1.600 metros, pero ata aló só se pode chegar a pé.

Custa moito crelo, mais Hugo asegura que no inverno aínda é máis bonito. As árbores están espidas, neva, e as vistas seica son incribles. Sen levarlle a contraria a quen leva seis anos conducindo eses camiños, as panorámicas que nós tivemos a oportunidade de contemplar tamén nos deixaron coa boca aberta. Os turistas visitan o parque sobre todo en agosto, e a ruta que fixemos con Hugo só pode percorrerse desde que Boemia Tour decidiu dar a coñecer o Peneda-Gerês e as súas xoias.

Boemia Tour e o prezo do que non ten prezo
O seu xerente, Miguel Araújo, contounos que pasaba uns días no verán nunha casa que posúe no parque --que máis adiante presentaremos, xa que foi alí onde xantamos--, e o descoñecemento que impera ao atravesar Portela do Home en dirección a Galicia foi o que o levou a montar Boemia Tours, o único turoperador que traballa para potenciar as excelencias do irmán portugués do Xurés. O paseo no todoterreo de Hugo custa, para un turista e en plena temporada estival, 25 euros por persoa e dura medio día. A quen decida achegarse e montar nun dos jeeps dirémoslle que serán cartos moi ben empregados.

O paseo en todoterreo abriunos o apetito. Comer no Peneda-Gerês non é doado. Non o é porque na cociña de cada restaurante podería vivirse unha experiencia. A comida, sempre feita con ingredientes naturais e seguindo a receita tradicional, sérvese en racións abundantes. A través dos seus pratos tamén se pode aprender algo da historia deste enclave. Pero nós non tivemos que decantarnos por unha desas experiencias. Miguel xa tiña o xantar feito na súa casa: a Quinta do Caneiro.

TURISMO GASTRONÓMICO (pinche para ler máis)

Mentres nos preparaban carne á grella, fomos degustando algúns dos pratos máis recoñecidos do norte de Portugal. Entre eles, a feijoada e a alheira.

A feijoada non é senón un guiso de fabas negras cocidas que se misturan con carne de porco do máis variada, desde partes salgadas, afumadas ou frescas, e con hortalizas. E todo bañado cun caldo espeso e acompañada dunha enorme fonte de arroz. Segundo a tradición, este prato comezou a prepararse nas senzalas, as casas dos escravos negros, tras a chegada dos primeiros procedentes de África, no século XVI. Ao parecer, despois dos festíns que se daban os propietarios das terras, os escravos recollían as sobras e mesturábanas con fabas negras para facer un guiso.

Acompañada cun pan delicioso tomamos a alheira. "Non é coma o de Cea, pero está moi bo!", apuntou un compañeiro entre risas. O que estabamos a comer é un embutido que tradicionalmente se facía con carne de ave, pero que hoxendía xa pode levala de porco ou tenreira, e incluso de animais da caza. Ademais, faise con pan, allo, condimentos e pemento, que pode ser doce ou picante. Todo isto vai recuberto con tripa natural, de vaca ou de porco, e afúmase ao igual que aquí se fai cos chourizos da matanza.

A historia da alhada remóntase aos tempos da Inquisición, e naceu no maxín dos xudeos. Como a súa relixión lles impedía comer carne de porco, eran presas doadas para os seus perseguidores por non facer nin afumar os seus embutidos. Así que decidiron trocar o porco por carne de pato, de galiña ou de perdiz e envolvela nunha masa que lles dese consistencia, e que puidese pasar polo típico chourizo. A receita acabou por popularizarse entre os cristiáns, aínda que estes adoitaban facela con carne de porco. As que probamos na Quinta do Caneiro foran feitas seguindo a receita tradicional, polo que eran alhadas de ave.

Á hora dos postres, a mesa encheuse. Entre as bandexas de pasteis, os flans de ovo, a piña e as fresas todos fomos 'obrigados' a probar as natas. Son pasteliños pequenos feitos cos típicos ingredientes --leite, azucre, fariña, ovos--, e que levan ademais vainilla e van recubertos con masa de follado. Diriamos --e dixemos-- que estaban exquisitas. Pero tivemos que rectificar. A riqueza das linguas fíxonos unha mala xogada, e 'exquisito' no idioma irmán do galego significa todo o contrario...

O sábado tocou xantar nun lugar que merece ser nomeado, non só pola súa comida, senón por ter a honra de ser o único hotel rural de cinco estrelas en Portugal: o Aquafalls. Alí preparáronnos unha crema de camarão, que é unha particular sopa de marisco con receita portuguesa; un polo con costra de sésamo, espinaca e pataca; e, de postre, un delicioso xelado de chocolate branco. Sen deixar os pratos tradicionais, no Aquafalls mestúranse aquelas receitas coa cociña de degustación.


TURISMO RELIXIOSO (pinche para ler máis)

Despois do xantar, tocou 'orar'. O turismo relixioso é outro dos potenciais do país veciño. Coñecido por todos é o santuario de Fátima, que reúne a miles de devotos da virxe todos os anos. Pero menos popular, aínda sendo o segundo máis visitado de Portugal, é o do São Bento da Porta Aberta, en Terras de Bouro, Braga. Ata alí nos achegamos e, paradoxicamente, a porta estaba fechada cando chegamos. Mais non tardou en abrirse.

A irmá Teresa cóntanos a historia que se agocha detrás do santo. Ao parecer, os romeiros pasaban por diante do santuario e saudaban a Bento, continuando cos seus pasos cara o Santuario da Abadía, o primeiro mariano de Portugal. Polas noites, un sacristán pechaba a porta, pero esta comezou a aparecer aberta, polo que o cura decatouse de que era o santo o que quería que non fose pechada, para que os peregrinos non se visen nunca desamparados nunha camiñata que se fai sobre todo de noite. E isto ocorreu en 1880.

Por fóra do templo hai unha explanada que os devotos pasean de xeonllos unha e outra vez para conseguir o favor do santo. Este agarda por nós dentro, ao final de 18 escalóns angostos, apoiado nun bastón prateado e protexido por un palio. Aos seus pés, o corvo que evitou que morrese envelenado ao roubarlle o pan das mans segue a acompañalo aínda hoxe. Unha muller enloitada ofrécelle un ramo de 'cravos' brancos. A tradición di que cando o santo che quita unha verruga debes agradecerllo con caraveis brancos, mais neste caso o motivo da visita da muller semellaba ser outro.

A afluencia de romeiros a Terras de Bouro en busca dos favores do São Bento da Porta Aberta obrigou a unha ampliación do santuario. Fíxose hai doce anos, no 1998, e o novo templo lembra á arquitectura oriental. Alí, sobre todo nos meses do verán, acóllense miles de peregrinos que van saudar un santo que, segundo a historia da irmá Teresa, en realidade nunca pasou por alí.

A historia dun pobo asolagado
As visitas da tarde foron a un centro ecuestre --onde algúns compañeiros se animaron a montar a cabalo-- e ao museo etnográfico de Vilarinho das Furnas, onde nos fixo de guía o propio presidente da Cámara ou, o que é o mesmo, o alcalde, Joaquin Cacel. Foi el quen confirmou que o vindeiro día 15 de xuño estará aberto ao público o Centro de Interpretación de miliarios na Raia, ubicado no edificio da vella aduana.

Pero antes explicounos a historia do pobo, que desapareceu nunha enchente. O museo foi construído con pedras que se quitaron das casas daquela aldea, que quedou debaixo do río Caldo alá polo ano 1968, no Portugal do fascismo. O que alí se garda lembra que aquelas xentes vivían nunha nobre pobreza, ao sentirse señores do que cultivaban e do que recollían, e ao rexir en común os seus intereses colectivos.

A historia lembra ás aldeas do Couto Mixto e a aquela república da utopía que o Tratado de Lisboa borrou da fronteira galego-portuguesa. 'Nin os mortos escaparon e dos vivos non coidou ninguén', reza unha escritura que pendura dunha parede e que fala da mala sorte que correron os habitantes de Vilarinho das Furnas.

Ata aquí a crónica dunha viaxe que recomendamos e que, de seguro, repetiremos. Unha iniciativa de Boemia Tour e Turismo do Porto e Norte de Portugal que pretende dar a coñecer unha bucólica paraxe perdida ao outro lado da fronteira.

Descubriendo el Gerês: gastronomía y naturaleza al otro lado de la...
Comentarios