EL Consello Regulador de Valdeorras presenta sus vinos

A anada obtén a cualificación de moi boa, case excelente no caso dos brancos
Vinte e catro adegas do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras
presentan o vindeiro mércores, 3 de xuño, en Santiago de Compostela, os viños da súa
colleita do ano 2008, nun acto ó que asiste o presidente da Denominación de Orixe,
José Luís García Pando. Á presentación están convocados os sectores da distribución,
da hostalería e da restauración que coñecerán directamente os viños do 2008, a través
de degustacións comentadas polos propios adegueiros.

O acto de presentación celébrase por segundo ano consecutivo na Capela Real do
Hostal dos Reis Católicos, logo do éxito de público acadado na pasada edición. A
xornada organízase en dúas fases. A primeira, a partir das 18,00 horas, dirixida ós
profesionais; e a segunda, desde as 20,00 horas aberta ó público en xeral.
Con esta presentación pública, a Denominación de Orixe Valdeorras quere dar a
coñecer na capital galega os novos viños do ano 2008, que están agora comezando a
saír ó mercado. Para o director técnico de Denominación de Orixe, Jorge Mazaira, ''a
de 2008 é unha colleita que, a pesar de ter dificultades para a maduración polas frías
temperaturas, se cualificou como moi boa nas valoracións realizadas pola Asociación
Galega de Catadores, acadando case o nivel de excelencia no caso dos brancos''.

Ó acto están convidados as principais organizacións galegas do sector da hostalería e
da restauración, así como os distribuidores, catadores, sumilleres e maitres, prensa
especializada e de difusión xeral. Para a segunda fase, o Consello Regulador convida a
todos os composteláns que desexen coñecer estes caldos da comarca do nordeste da
provincia de Ourense, previa confirmación de asistencia no teléfono de Santiago 981
55 59 20.

A Denominación de Orixe somete a súa colleita do ano 2008 á valoración dos
profesionais do sector en Compostela, logo da presentación celebrada neste mesmo
mes na Coruña, e da cata realizada pola Asociación Galega de Catadores na sede do
propio Consello Regulador nesta mesma semana.

Comentarios