Feijóo, sobre o expediente ao profesor que defendeu á Manada: "A USC fixo o que tiña que facer"

Carmela Silva cualificou as declaracións do docente de "terrorismo contra as mulleres"

Alberto Núñez Feijóo. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. SALVADOR SAS (EFE)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pronunciouse este venres sobre a decisión da Universidade de Santiago de Compostela (USC) de abrir expediente informativo a Luciano Méndez Naya, o profesor que defendeu nun vídeo aos membros da Manada e afirmou que a vítima "gozou".

"Eu creo que a Universidade fixo o que tiña que facer. Nós acabamos de asumir unha resolución non Parlamento por unanimidade acatando a sentenza, respectando a división de poderes sen ningunha dúbida, sendo perfectamente conscientes de que os xuíces teñen que exercer a súa xurisdicción de forma absolutamente independente, pero como persoas e como políticos temos unha opinión e pensamos que probablemente a tipificación das condutas, desde o punto de vista social, non pódense comprender, e a nós, como cidadáns, cóstanos comprendelas, con independencia de que por suposto a sentenza acatar", respondeu o presidente da Xunta a preguntas dos xornalistas durante a inauguración da Autovía do Morrazo.

"A Universidade é un ente autónomo e tomou a decisión que eu respecto e creo que é correcta", concluíu.

"TERRORISMO CONTRA AS MULLERES". O presidente da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cualificou de terrorismo "contra as mulleres" as afirmacións realizadas Méndez.

"É terrorismo contra as mulleres. Non pode estar na universidade alguén así", dixo Silva, que defendeu que a USC abra un expediente a este profesor da Facultade de Económicas pola publicación dese vídeo "impresentable, indignante". 

Na rolda de prensa habitual para informar os asuntos tratados na Xunta de Goberno da Deputación, Carmela Silva expresou o seu estupor polo feito de que "alguén formado realice estas manifestacións". "Non mo podía crer", abundou tras ler as manifestacións de Méndez Naya.