Opinión

Guerracivilismo

DENDE HAI uns meses manteño unha discusión cun amigo e articulista, Julio González. É atípica porque a mantemos por unha aplicación de chat e, en lugar de compoñerse de curtas mensaxes, é un intercambio de ladrillos que ás veces fan referencia a escritos de semanas atrás. Tampouco hai continuidade temporal nin ningún aspira a gañar. Chegados ata este punto non lles sorprenderá saber que enleamos sobre Catalunya, que é unha paixón compartida.

O meu principal instrumento para o debate non é que sexa precisamente esperanzador, xa que é o recentemente publicado Las guerras civiles de David Armitage (Alianza). O mesmo autor encárgase de destacar o feito de que a obra é un clásico instantáneo, xa que o tema non se tratou a xeito na literatura política e militar, e non podemos menos que estar de acordo.  

Un dos libros máis influentes da modernidade é o dedicado por Steven Pinker ao tema da violencia, no que constata que vivimos nunha época especialmente pacífica, en boa medida pola desaparición na práctica de conflitos de alta intensidade entre nacións soberanas. Armitage tira do fío deste argumento para sinalar que precisamente a maior ameaza a estas décadas de paz son as loitas civís, que ademais teñen a particularidade de provocar unha violencia máis vesánica aínda. 

Para o estudo do fenómeno o autor adopta unha perspectiva cronolóxica e centrada no mundo anglosaxón. Tras unha longa introdución na que paradoxalmente se introduce case que todo o que ten que ver coa contemporaneidade –isto é o grande defecto do libro, xa que o autor poderíase ter mergullado na práctica actual unha vez rematadas as cuestións teóricas–, imos da man de Armitage a Grecia e Roma. Como noutros moitos casos ofrecen o punto de partida para o pensamento político. Foron os romanos os que estableceron dúas bases da nosa concepción do asunto: o feito de que este tipo de loita non se facían contra a urbs, a cidade, senón contra os cives e, polo tanto, contra a mesma ‘civilización’ no seu máis amplo sentido, e a realidade do esquecemento, por complicado que sexa, é o único camiño para sandar as feridas que provoca.

Hobbes, pai do pensamento conservador, nega calquera posibilidade de resistirse á soberanía

Chimpamos tras rematar con Roma ata os clásicos do pensamento inglés da Idade Moderna, Hobbes e Locke. E aquí atopamos toda unha xeira de reflexións que cadaquén pode utilizar segundo lle pete. John Locke apoiou a Gloriosa de 1688 que instalou a Guillerme de Orange como rei de Inglaterra e polo tanto precisaba atopar na “soberanía do pobo” xustificacións a esa rebeldía. Hobbes, pai do pensamento conservador e observador da Commonwealth, nega calquera posibilidade de resistirse á soberanía, sexa cal sexa a súa xustificación: morto o can, morta a rabia.

O mundo anglosaxón atopa unha barreira clara para opoñerse por completo ás guerras civís e á consolidación dunha soberanía paralela dentro de calquera estado: a Revolución Americana. Xa o mesmo feito de que reciba ese nome enmascara, como afirma e demostra o autor, que foi unha loita civil perfectamente definida malia supoñer unha certa civilización da mesma. 

Un século despois, na que si se coñece universalmente como Guerra Civil Americana eses intentos fracasaron. Malia todo, a loita pola abolición da escravitude deixou dúas leccións, unha histórica e outra intelectual. A intelectual foi o corpus legal deixado por Francis Lieber, básico para entender este tipo de conflitos aínda hoxe; a histórica, que os intentos de secesión só se poden resolver con guerra ou diálogo dada a impugnación intrínseca da legalidade que supón unha rebelión. Tomemos nota.

Comentarios