Merchi Rodal: ''Hago repostería en 'Larpeiros' por un video de cómo cocer la centolla''

Hai un programa da TVG no que Merchi Rodal pinta un cabaliño de mar nunha parede. Ese video explica a reviravolta que empuxou a unha licenciada en Ciencias do Mar a ser reposteira en ‘Larpeiros’, do que nace ‘As lambetadas dos larpeiros’, o libro que presentou este xoves na feira do libro de Lugo.

a PÁXINA DA TVG permite ver un programa de ‘Quero falar coa xefa’ no que Merchi Rodal decora con motivos mariños un dos apartamentos que aluga no seu Cangas natal. Noutras gravacións aparece como resposteira do programa ‘Larpeiros’. A consecuencia desta ocupación é ‘ As lambetadas dos Larpeiros’ (Galaxia), un libro de sobremesas. Deuno a coñecer este xoves en Lugo, onde chegou procedente de Ourense, cidade na que foi xurado nun concurso de tapas.

Pode explicarme a viaxe de controlar o cultivo de ameixa en Arousa a ser xurado dun certame culinario?

A miña familia dedícase á hostalería. Eu son da terceira xeración. Os meus pais daban comidas e eu era pinche do meu pai.

O seu pai aprendeulle a facer doces?

Ben, foi a miña nai. El facía os salgados e ela, os doces. O que aconteceu é que, cando acabou o traballo no marisqueo, volvín aos apartamentos que alugaban os meus pais. Daquela soamente serviamos almorzos. Empecei a facer biscoitos caseiros e foi cando se notou o cambio.

Para ben.

O meu home e máis eu empezamos hai ano e medio a facer videos para internet sobre como facer unha empanada ou como cocer unha centola. O equipo de ‘Larpeiros’ viuno e preguntoume se o podía facer diante das cámaras do programa. Fixen e convidáronme a volver a semana seguinte e así siguen convidándome. Sempre me preguntan que vou facer na semana seguinte.

E que lles contesta?

Depende de que vaia o programa. Se van cociñar algo de vaca, preparo unha sobremesa con leite de vaca; se vai de queixo, fago unha sobremesa con queixo. Teño varias na recámara e eles van encaixándoas.

Sempre con receitas tradicionais ás que vostede achega algunha variación.

Sempre tradicional galego, buscando que os espectadores poidan cociñar ao día seguinte con cousas que teñen pola casa ou poidan ir comprar, e con produtos de tempada que poden ter na hortas. Pode ser unha sobremesa con marmeladas, por exemplo.

E quen lle fai a proba?

Os hóspedes! Pídolles que proben as sobremesas e que lles poñan unha nota.

Pero advírtelles que son para a televisión?

Ao primeiro, non.

E son fiables ou de quedar ben?

Non, non. Din a verdade.

Cónteme un fracaso.

Unha vez fixen un requeixo con cacahuete, cereais e mel con limón. Houbo uns clientes que me dixeron que estaba ácedo e substituín o limón por laranxa. Solucionado!

Ese foi a receita que máis se resistiu?

Non, foi un flan de arroz con leite. Tiven que facer probas ata atopar cando estaba bo. Non pode estar mediocre.

E como fixo?

Pois é un proba/erro con máis nata ou menos.

Ah! E cando cociña?

Todos os días porque ten que haber unha sobremesa nova cada día.

Non me estraña que teña encantados aos hóspedes. Se serve unha sobremesa nova cada mañá, a que hora se ergue? Ás catro da madrugada coma as monxas de clausura?

Non, cociño polas noites. A cabeza empeza a traballar pola tarde.

Pero as receitas tradicionais non lle sairán da cabeza, ou?

Busco en internet, pero tamén fago receitas que non son tradicionais porque quero saber como cociñan noutros países cos produtos nosos.

Cónteme, logo, a sobremesa máis exótica que presenta no seu libro.

Unha torta de masa quebrada con cabelo de anxo e kiwi.

O kiwi daralle unha nota de color. Vostede pinta...

Dende pequeniña.

Mirei un video no que decoraba cun cabaliño de mar un dos apartamentos que aluga.

Si, gústame moito pintar. Traballar con cousas creativas é o que máis me gusta.

As cores e as formas son importantes nas súas sobremesas?

Moito. A comida entra polos ollos. Despois, se cadra, unha comida menos bonita é a que está máis rica, pero o bonito chama máis a atención.

Cada vez hai máis afeccionados á cociña. Como foi o nivel no concurso de Ourense do que vén?

Ah! Moi bo. A xente cociña moi ben. Facían as cousas diante de nós e estaban moi ricas, non como en ‘Master Chef?

Non lle presta ‘MasterChef’?

É entretido, pero non fan as cousas con cabeza, non as pensan. E o xurado dilles cousas que son moi duras.

Vostede non é así como xurado?

Non, oh!

Comentarios