Música para el paladar

Que ben soan estes pratos! Isto (máis ou menos) é o que queren escoitar dos seus clientes os dezasete membros do Grupo Nove, o colectivo de vangarda da cociña galega, cada vez que serven un menú en calquera dos seus restaurantes. Os chefs están convencidos de que as súas preparacións teñen calidade dabondo para seren equiparadas ás melodías máis fermosas. Por iso, crearon un orixinal soporte promocional que imita un disco de vinilo. Deste xeito, preséntanse como a ''Chef’s Big Band'' da culinaria galega.

A posta en escena deste simpático folleto, no que os cociñeiros aparecen ''tocando'' diversos instrumentos (tixolas, potas, cazos e outros utensilios) fíxose por todo o alto no restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe, situado en Poio (Pontevedra) e que acaba de recibir a súa primeira estrela Michelín, ampliando así ata 6 as distincións que posúe o Grupo Nove (A Rexidora, Casa Marcelo, O Retiro da Costiña, Solla e Yayo Daporta son os outros cinco establecementos distinguidos con este símbolo de calidade).

O acto de presentación desta peza publicitaria foi, tamén, un alarde de orixinalidade. Os propios chefs oficiaron para os privilexiados convidados nos fogóns do Pepe Vieira, nunha sorte de jam session culinaria ambientada con jazz en directo dentro da propia cociña. Un auténtico pracer para os sentidos e un verdadeiro luxo ver como traballan estes magos da nova gastronomía galega.

Goce de sabores
Nese entorno gastro-musical, prepararon deliciosos entrantes fríos e quentes, espetos e outros petiscos, sobremesas incluídas. Ostras con espuma de escabeche, de Pepe Solla. Mollejita de tenreira con uvas e queixo San Simón, de Rafael Centeno; torrija ao forno con xelado de vainilla, de Pablo Romero. Cremoso de bacallau con pasas minimizadas e pan de millo, de Xosé Torres Cannas. Cruxinte de grelos, chicharróns e tetilla de Taky Rodríguez Ponte ou bizcoito de chocolate giandujar e tona recheo de trufa líquida e améndoas, de Yayo Daporta, entre outras delicatessen.

A filosofía desta proposta explícase no propio soporte de promoción: ''A base rítmica do mellor produto interpretado coas técnicas do presente. A fusión de traballo, notas de inquietude e acordes de reflexión. Un tributo ás raíces culinarias da nosa terra ao son da evolución''. Trátase, ao mesmo tempo, de toda unha declaración de principios: Respecto pola tradición, pero vontade de progresar, a partir dela. É o seu xeito de interpretar (nunca mellor dito) a cociña galega desde conceptos contemporáneos.

Antes do xantar, o presidente do Grupo Nove, Taky Rodríguez Ponte, insistiu nesta filosofía de darlle valor engadido aos produtos do país e anunciou, en liña con este espírito, a colaboración dos chefs co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Comentarios