"O rol de alcalde cámbiache a vida, pero intento manter as amizades e costumes de antes"

No despacho do rexedor Xulio Ferreiro en María Pita poden verse numerosas fotografías coa familia e os compañeiros. MONCHO FUENTES (AGN)
photo_camera No despacho do rexedor Xulio Ferreiro en María Pita poden verse numerosas fotografías coa familia e os compañeiros. MONCHO FUENTES (AGN)

A oposición acusa regularmente o seu goberno de ter A Coruña sumida nunha parálise.
As cifras de obras e licenzas demostran que iso é falso. Desde que goberna a Marea Atlántica, o departamento de urbanismo dobrou o número de concesión de licenzas con respecto ao último ano do PP, un dato que fala por si mesmo. E a federación de construtores leva dous anos seguidos dicindo no seu informe que o Concello da Coruña é o que máis obra licita e adxudica de Galicia. Contra as cifras as opinións non teñen cabida. Malia todo, aínda quedan cousas por facer neste tempo, especialmente obras en barrios como parques infantís, reurbanizacións de rúas, asfaltados, actuacións en mercados como elementos dinamizadores, peatonalizacións e a execución de parte dos orzamentos participativos. Como digo, queda moito por facer.

Cambiando de terzo, moléstalle máis un comentario nun xornal ou nas redes sociais?
Ambas as cousas teñen a súa importancia. Hai persoas que chegan a un sitio pero non ao outro, xente cun perfil de idade que forma a súa opinión na prensa e outra que prefire as redes sociais. E logo hai outra que está no medio e que recibe influencia de ambos os dous lados.

Con que comentario positivo se queda nestes anos de alcalde?
Cando alguén pola rúa che dá as grazas por algo e recoñece que lle axudaches a mellorar a súa vida, para min é unha satisfacción. Máis que un recoñecemento na prensa, esas son as palabras que te reconfortan e que ademais che dan o pulso da cidade.

E negativo?
Hai moitas cousas inxustas que se din deste goberno e de min; pero o que máis me molesta é cando se intentan sementar sombras de dúbida sobre a honestidade deste goberno. Temos un equipo escrupulosamente honesto, pero desde o PP e órganos afíns intentan introducir esa sospeita coa intención de demostrar que todos somos iguais. Como estratexia paréceme un chisco triste aspirar só a que os demais non sexamos mellor ca eles. A consecuencia disto é que se arma moito ruido sobre cousas que logo nunca chegan a nada, pero teñen efecto na opinión pública.

Segue mesturándose coa xente e indo ao concello en bus?
Sigo indo de vez en cando. Eu desde o principio intentei conservar unha vida o menos diferente posible da que levaba antes: manter as amizades, cear nos mesmos sitios, intentar pasar tempo coa familia, moverme pola cidade do mesmo xeito... Entendo que o rol che cambia a vida, pero intento que sexa o menos posible. Así que se o sábado sempre usaba o bus para baixar ao centro, pois agora sigo facéndoo.

Que hai de certo en que vostede e o seu estreito colaborador Iago Martínez fixeron algo así como o "pacto da cervexa" de Garzón e Iglesias para decidir quen ía ser o candidato á alcaldía en 2015? Ata se di que o xogaron aos chinos.
Son lendas urbanas [ri]. Iago Martínez foi unha persoa moi importante na creación da Marea Atlántica e é moi importante hoxe para o partido e o goberno. Calquera estaría agradecido de ter ao seu carón unha persoa traballadora, con criterio, que dá bos consellos pero que non di amén a todo, algo moi importante. Cando un chega a determinados lugares tende a rodearse de corifeos que só din "amén" e "que listo é vostede", pero a min afortunadamente non me pasa con el nin con outra xente do equipo. O que ocorre con Iago é que como non ten visibilidade pública, moitas veces aprovéitanse para convertelo nunha personaxe á que botarlle a culpa de todo, o cal me parece moi inxusto.

Con cal dos alcaldes que o precederon na Coruña queda?
É unha discusión un pouco inxusta para todos os que non son Paco Vázquez, porque el estivo 25 anos e o resto non tiveron ocasión. Fixo cousas boas como a rede de bibliotecas, o paseo, centros cívicos, a Sinfónica... Pero tamén tomou malas decisións que hipotecaron A Coruña moitos anos, sobre todo no referido ao urbanismo para especular ou o illamento da cidade respecto da área metropolitana. Pero o meu referente ético como alcalde foi Domingos Merino.

Comentarios