A Xunta dá luz verde á Comisión de control da violencia no deporte

O obxectivo do novo organismo é erradicar as condutas antideportivas en competicións "oficiais no campo autonómico, provincial, local e zonal" e poderá actuar "de oficio" sen necesidade de denuncia

Alberto Núñez Feijóo. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. XOÁN REY (EFE)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves da aprobación por parte do seu gabinete a creación da comisión galega de control da violencia para erradicar as condutas antideportivas en competicións "oficiais no campo autonómico, provincial, local e zonal" e que poderá actuar "de oficio" sen necesidade de denuncia.

"Este ente é unha das previsións que incorpora Lei de deporte de Galicia", explicou, ao termo da reunión semanal do seu gabinete, o xefe do Executivo galego que considerou preciso promover o deporte e os valores deportivos entre a sociedade.

O novo organismo complementa a actuación do comité galego de xustiza deportiva, pero ampliando a súa actuación xa que mentres este só actúa ante incidentes violentos cando se produce unha denuncia, en forma de recurso, "a nova comisión poderá actuar de oficio", e deste xeito iniciar un expediente sancionador e "trasladar á Fiscalía as actuacións que poidan constituír delito".

As principais funcións da nova comisión serán instruír e resolver expedientes sancionadores cando se cometan infraccións recollidas na Lei do deporte de Galicia, solicitar que o comité galego de xustiza deportiva ou as autoridades pertinentes incoen expedientes sancionadores, ademais de elaborar informes sobre as causas e efectos da violencia no deporte e publicar unha memoria anual sobre a materia.

Tamén deberá elaborar e difundir programas de prevención e loita contra a violencia no deporte, asesorar ás entidades deportivas galegas ou aos organizadores de eventos deportivos sobre como previr a violencia ou informar sobre anteproxectos de lei ou outras normas referentes á área deportiva.

Este órgano estará presidido pola secretaria xeral para o Deporte e contará cunha vicepresidencia e con quince vogais, que incorporarán senllos representantes autonómicos das áreas de urxencias e educación.

Ademais integrarano os xefes de servizo de deportes en cada xefatura territorial, dous colexiados ou xuíces deportivos, dous representantes das federacións , dous deportistas ou exdeportistas federados; dous expertos en prevención da violencia do deporte, designados polas facultades galegas do ramo, e un representante do Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia, ademais dun secretario, que será un funcionario autonómico.

A nova comisión estará "plenamente operativa antes do verán," polo que a previsión é que comece a funcionar na tempada deportiva 2018-19.

Comentarios