120 anos de Bal y Gay, tres días sen Robe
ESTE PAÍS tan pequeno acontecen ás veces marabillas que son grandes de máis para que as valoremos. Faltan o tempo e a distancia precisos. Eu sabía de Enrique Baixeras porque trouxera a Fernando Trueba, Óscar Ladoire e Antonio Resines rodar Ópera prima á Mariña lucense. Puiden ver a confraría de Ribadeo no cine local. Pero ese fime queda nun detalle bonito fronte ao monumento de crear o Festival Bal y Gay hai doce veráns. Dende Nois, terras de Foz, Baixeras levantou un certame frecuentado cada ano pola elite da música clásica e desenvolvido en igrexas, parroquias e mesmo ao abrigo de mazairas.
O pasado agosto a Real Filharmonía e o Coro da Comunidade de Madrid interpretaron o Requiem máis fabuloso da historia na catedral mindoniense. O lúgar era tan idóneo que mesmo se esquecen os dous segundos de reverberación cos que nos castigan as portentosas paredes da basílica.
Mozart morreu en decembro de 1791, cando andaba na escrita desta obra, encarga dun noble que quedara viúvo. Cobrara a metade por adiantado. Para que a muller do compositor, arruninada, recibise o segundo pago, Franz Xaver Süssmayr rematouna e falsificou a sinatura do xenio. Despois, escribíronse varia copias a man. Unicamente tres viaxaron a España. Chegaron en 1805 a Cervera, Zaragoza e Mondoñedo, onde aínda se conserva na catedral.
O Requiem entendeuse en España, tan confesada e devota, como unha obra relixiosa, polo que soamente se tocaba en templos. Supoño que os coengos recibiran a partitura e se porían a argallar nela nos órganos armados un século antes por Manuel de Villa. Imaxino que se servirían de frautas, trompetas e claríns, que eran instrumentos de uso habitual nas catedrais daquela, e pode que de oboes, fagots e violíns. Soaría un tanto pobre, pero virtuoso para aqueles os señores de saias escuras.
A pianista Maia Joao Pires deu un concerto na igrexa de Santa María de Ribadeo hai dous veráns, traída a nós en corpo presente polo Festival Bal y Gay. Incluíu a Suite Bergamasque de Debussy no seu programa. O meu sogro teimou en asistir. Nada lle podo negar ao home que comparte comigo os seus viños máis alegres e as seus lecturas máis cautelosas.
A compra de entradas volveuse angustiosa, polo que tiven que pedir un favor a un amigo. A cambio regaleille un exemplar de Hacia el ballet gallego (1924). Perdoen a corrupción. É un libriño do musicólogo Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905) publicara grazas a Ronsel, a editorial da revista que fundara con outros rapaces.
Acadamos os 120 anos do galego máis brillante na investigación musical, unha figura de relevo mundial, sen atisbo de que algunha autoridade local, nacional ou estatal acordase de darlle un cariño.
Voulles dar tres apuntamentos do sobre Jesús Bal y Gay. Con 9 anos empeza a viaxar de Lugo a Madrid para examinarse por libre no conservatorio. Pasado o bacherelato foi estudiar enxeñería na Residencia de Estudiantes, cambia a Medicina; pero non para de asistir a concertos nin de ler literatura, así que un médico cercano á familia convénceo para que deixe de enganarse e se dedique a investigar o folclore. O pai de Jesús, un indiano retornado que atende un negocio de viños fronte á estación ferroviaria de Lugo, non expresa entusiasmo, pero tampouco se opón. Ao cabo, el mesmo botaba o día tararexando melodías.
Un día queda para ir a un concerto con pezas de Beethoven, pero se dispersa tomando unhas cervexas. A música sigue cerca. Ela é a pianista Rosa García Ascot. Acabarían casando. A súa vida xuntos foi unha sinfonía mal pagada que os levou uns anos a Cambridge para, despois, establecerse en México, onde el foi contratado polo goberno para profundar no folclore local. Estaban veraneando en Lugo cando Franco deu o punch. Lograron regresar ao Reino Unido evitando seren xuzgados polo delicto de republicanismo. Volveron a España en 1965, condonados pola dictadura. Acabaron, pobres, nun asilo cerca de Madrid, onde el morreu en 1993 e ela ainda tirou unha década.
O estremeño Robe Iniesta tamén mesturaba a clásica co rock. No último disco, o catedralicio Se nos lleva el aire arranca o tema El poder del arte con Debussy, tan do gusto de Maria Joao Pires. Un violín e un clarinete interpretan La fille aux cheveux de lin. Rosalía válese de sons clásicos con máis fondura, orixinalidade e destreza no seu disco Lux; pero a banda que fundou Iniesta, Extremoduro, estaba máis afastada desas coordenadas estéticas.
O mellor disco de Robe, con banda e sen ela, é La ley innata (2008). A descomunal Dulce introducción al caos comeza cun fragmento de Cantata 147 de Bach, intepretado á guitarra eléctrica polo seu músico de cámara, Iñaki Antón, un rockeiro con formación de conservatorio.
Estaba pensando agora se podería haber unha empatía entre Jesús Bal y Gay, e Robe Iniesta. Parecíanme de gustos dispares. Iniesta bebe moito do rock sinfonicista dos 70 e Bal y Gay era un compositor neoclásico de inspiración conservadora. Pero pensei en que Robe usa a xota estremeña coa súa primeira banda, Dosis Letal, e volveu facelo con Extremoduro. Recuerdo el arranque de Extremaydura: "Desde que tú no me quieres/ yo quiero a los animales/ y al animal que más quiero/ es al buitre carroñero/ y en Monfragüe alimento con mi cuerpo/ buitres negros".