7 exposicións en 7 cidades

Peza da exposición. J. CERVERA
Peza da exposición. J. CERVERA
A colección de arte de Afundación celebra o décimo aniversario coa mostra Simultánea que, dende sete mostras en sete vilas galegas, amosa todo o seu potencial ao reflectir a indudable calidade e diversidade de pezas desta colección xurdida ao acubillo das caixas de aforro galegas.

Nunca deixan de sorprender, por ben coñecidas que sexan ou porque xa fosen expostas en multitude de veces, as pezas que forman parte da Colección de Arte Afundación. Un inmellorable ronsel da arte galega dende o século XIX ata os nosos días dende á que nos podemos asomar aos diferentes autores e momentos da nosa arte.

Co gallo de cumprir o décimo aniversario de traxectoria dende a creación de Afundación Obra Social Abanca, despois do proceso de venda da entidade bancaria, dende esta institución levouse a cabo un moi serio traballo de revisión, actualización e posta en valor destes fondos para o que foi precisa a restauración de numerosas obras que agora locen espléndidas en cada unha das sete sedes en que se decidiu dividir a colección para que de xeito simultáneo exhibisen todo o seu vigor artístico.

En cada unha delas se decide unha temática que ordea e define cada un dos conxuntos temáticos e lle dá a precisa unidade para a súa exposición conxunta. Así, o retrato é o que ocupa a mostra na Sede Afundación da Coruña. Como xénero clásico e imprescindible da Historia da Arte a súa conformación permite tamén achegarnos a cómo este xénero evolucionou ao tempo que o facía a sociedade e o papel do ser humano e o seu desexo de ser representado mudaba. Obras de Sotomayor, Julia Minguillón ou Álvaro de la Vega exemplifican esa cuestión.

No Ferrol son os obxectos os que agrupan as diferentes obras que permiten ver de qué xeito esas naturezas mortas, cheas de simbolismos e significados ocultos, na actualidade relaciónanse máis con outras preocupacións estéticas e representativas. Antía Moure, Elena Gago, ou Héctor Francesch son algúns dos artistas escollidos. En Lugo será o mar, tanto as escenas de costa como o mar aberto, o que dirixa a nosa mirada cara un dos grandes motivos da nosa arte, como pode ser a nosa relación co mar. Relación ancestral que como tal motivou infindas miradas e, polo tanto, posibilidades para a súa representación. Nomes como os de Manuel Torres, Germán Taibo ou Lino Lago son un magnífico exemplo.

Clasicismo, romanticismo, realismo,...

Será en Ourense onde outra das grandes temáticas artísticas como pode ser a natureza entendida como gran espazo aberto sexa a que poña ante a nosa mirada esas diferentes empatías dos artistas co medio natural, sempre detrás de toda obra de arte dende a antigüidade. Clasicismo, Romanticismo, Rexionalismo, Vangardas... cada tempo tivo unha obriga coa natureza e con poñer os seus diferentes ollos ao servizo da pintura. Serafín Avendaño, Ovidio Murguía, Urbano Lugrís ou Xurxo Alonso son expoñentes desas miradas tan diversas coma enriquecedoras para a arte galega

Se nos achegamos ao Café Moderno de Pontevedra será a abstracción a gran protagonista dun extraordinario conxunto de pezas perfectamente dispostas, como en cada un dos espazos que foron coidados ao máximo para que as diferentes sedes de Afundación espalladas por Galicia dialoguen cun dos nosos grandes tesouros artísticos. As emocións móvense de xeito particular entre as combinacións de formas, cores e texturas dunhas obras nas que a conexión co espectador é, se cabe, aínda máis particular que nos ámbitos do realismo pictórico. Guillermo Monroy, Alberto Datas, Ánxel Huete, Almudena Fernández ou Rafael Úbeda son protagonistas deste territorio emocional.

A mostra de Compostela traballa dende a representación arquitectónica, o urbanismo como espazo de representación no que se desenvolven as nosas vidas e que tanto explican da nosa maneira de movérmonos en cada unha das épocas do ser humano. Unha chea de puntos de vista que converten o territorio vivido nunha reflexión sobre nós mesmos. Jenaro P. Villaamil, Alfredo Souto, Jano Muñoz ou Marc Quintana son testemuñas desas situacións.

Por último, será en Vigo onde a imaxinación se empregue como elo entre todas as pezas coas que remata esta explosión artística. O maxín dos artistas capaz de xerar os mundos máis exuberantes, máis radicais, máis inesperados, en definitiva, alí onde a posibilidade do ser humano para converter a arte en algo máxico acada as súas máximas posibilidades. Antón Pulido, Ramón Trigo ou Miguel Pereira, son tres exemplos desa faciana absolutamente imprescindible do mundo da arte que aquí fai sete paradas, sete visións afoutas da colección de arte Afundación.

Comentarios