A unión

Bund. AEP
Bund. AEP

Hai uns días líalle nun xornal de tirada nacional a un político nacional —non sabemos quen, xa saben, unha fonte anónima— que "o centro político morreu, matámolo entre todos". Alén do certo da afirmación, reflexionei sobre o feito de que existen persoas ou, no caso do libro que estaba a ler por entón, organizacións que, simplemente, están no momento xusto no lugar equivocado, o que conduce decote non só ao seu fracaso senón, en circunstancias dramáticas, á mesma morte de parte dos seus membros. A violencia política na historia é algo implacábel.

Ese libro que estaba a ler é a 'Historia general del Bund', de Henri Minczeles, un relato sobre o principal movemento revolucionario xudeu en Europa dende finais do século XIX ata os anos 20, cando rematou desfeito en Polonia polo goberno de Josef Pilsudski e en Rusia polo triunfo dunha revolución bolxevique que desfixo co seu maximalismo —e coa presenza dunha apreciábel cantidade de dirixentes xudeus, caso de Trotski, Martov, Zinoviev ou Kamenev— as posicións moderadas do Bund —en yiddish, a lingua do partido e dos xudeus do leste de Europa, ‘A Unión’—.

Observarán que esta crítica avanzou bastante xa e aínda non mencionamos nin a editorial, La Tormenta, nin o tradutor, Marcos Ponsa. A razón é que entre ambos están a piques de arruinar unha obra excelente e que, posibelmente, sen eles, nin sequera chegase ao mercado español —menos nestes intres históricos, nos que calquera libro que teña que ver con política ou cultura xudías queda exposto a un comprensíbel boicot, aínda que non teña nada que ver con Israel, como é o caso—. Un non pode comprender como en 2025, coa cantidade de persoas formadas na industria literaria que existen e as potentísimas ferramentas que fornece a tecnoloxía, podan publicarse libros con centos de grallas, algunhas delas tan obvia como escribir ‘rusia’ no canto de ‘Rusia’ nun título en tamaño de letra considerábel. Ao comezo o libro está no gume do ilexíbel, mais despois dunhas 150 páxinas remonta e os erros, continuos malia todo, estorban menos a lectura.

A pesar do que vimos de dicir, a persoa interesada na historia, na política ou na cultura do leste de Europa debería achegarse con paixón a esta obra. Minczeles fía dende o principio un relato heroico sobre como o pobo xudeu, acosado polos pogromos e pechado na coñecida como Zona de Asentamento —a franxa de terreo que ía de norte a sur entre Polonia, Bielorrusia, Ucraína e Rusia na que estaban na obriga de residir—, se converteu en suxeito político, primeiro a base de folgas de obreiros de a pé —artesáns na súa maioría— e despois grazas á constitución dun partido propio, o Bund, que rexeitaba a autocracia tsarista, o sionismo de calquera tendencia e mesmo a maior parte dos idearios comunistas e liberais da época. 

En resumo, un partido que foi vangarda das posicións socialdemócratas en Europa e tamén das posicións que asociaban ideas políticas a fortes movementos culturais —neste caso, a defensa da lingua yiddish— e que, en boa parte por iso, non foi quen de sobrevivir ao período de entreguerras. Vemos nas páxinas de Minczeles a epopea e o drama: a epopea das loitas contra os tsares, os xenerais polacos, Stalin e Hitler e o drama daqueles que sabían que estaban condenados á derrota e, malia todo, loitaron por un mundo máis igual, para os xudeus —sobre todo—, mais tamén para os xentís. Unhas ideas que, por certo, ben faría en recuperar parte do sionismo político.

Comentarios