A viaxe fatídica

James Cook.EP
James Cook.EP

Como tantos outros cativos dos 70 e os 80, eu aprendín moito das series Era unha vez..., creadas en Francia por Albert Barille e patrocinadas polas distintas cadeas públicas europeas. Colleume un chisco tarde Era unha vez... o home e de cheo Era unha vez... o corpo humano, que disparou a miña vocación médica. Xa estaba noutra fase cando saíron Os inventores e Os exploradores. De feito, a esta última cheguei cando a Galega a transmitiu durante o confinamento de 2020 —toda unha ironía—.

De todas esas series educativas, moi recomendábeis xaora, a dos exploradores foi a que peor envelleceu. Poden revisar, se o teñen a man, o capítulo dedicado a James Cook e, se o desexan, comparalo co libro que traemos esta semana ás nosas páxinas, El ancho ancho mar, escrito polo coñecido divulgador estadounidense Hampton Sides e publicado en España por Capitán Swing.

Dada a salientábel participación de España no espallamento dos europeos por todo o mundo —Colón en América, Elcano coa volta ao mundo, máis preto dos galegos Luís Vaz de Torres, descubridor do estreito que separa Papúa e Australia—, Cook é unha figura relativamente pouco coñecida no país. Porén, é personaxe de culto en todo o mundo anglosaxón e, en especial, no Reino Unido. Representa alí certos trazos de carácter que tamén podemos ver ao longo do libro de Sides: a procedencia digna pero modesta, a afouteza perante calquera circunstancia, a curiosidade científica e antropolóxica...

James Cook realizou tres viaxes por todo o mundo: na primeira deu a volta ao mundo e foi o segundo europeo en chegar a Nova Zelandia; na segunda, tentou chegar sen conseguilo ao Continente Australis, é dicir, á Antártida; a terceira resultou ser unha viaxe fatídica, pois non só Cook non acadou o seu obxectivo —atopar o Paso do Noroeste, entre Groenlandia e Alaska, algo que era imposíbel cos medios técnicos da época e non se conseguiría ata o século XX grazas a Roald Amundsen— senón que morreu no intento, en Hawai nun escuro episodio que Sides describe aquí con precisión e ecuanimidade.
Relatos das viaxes de Cook ten habido moitos, polo que o autor deste tiña que aportar algún elemento novo e así o fai no comezo da obra, xa que decide seguir as andanzas en Inglaterra de Mai. Era este un rapaz que Cook trouxera dende Raiatea, unha pequena illa da Polinesia, na súa segunda viaxe, que pertencía a unha familia real asasinada polos inimigos da illa de Bora Bora e que tomou ao asalto a alta sociedade londiniense co seu engado e a súa capacidade para aprender inglés —cunha estraña pronuncia, claro está—. Grazas a esta alternativa, Sides consegue debuxar un retrato daquel Londres e actualizar unha historia xa sabida.

O relato da viaxe non aporta demasiadas novidades históricas. Hai que salientar, iso si, que está narrado con pulso e axilidade, polo que constitúe unha lectura amena e lixeira. Por suposto, o núcleo do mesmo atópase nos sucesos que levaron ao asasinato de Cook. E velaquí o cambio de orientación do que antes falamos: a tradición presentou os hawaianos coma uns salvaxes que asasinaron un heroe sen motivo, imaxe que Sides axuda a desmontar —Cook pretendía raptar o rei da illa— sen por iso magoar de todo a reputación dun dos grandes heroes da cultura británica. O esforzo ten bos resultados tanto para o lector como para a sempre fráxil honra dos nacionalistas de todos os lugares e tempos.

Comentarios