Antón Patiño, cartografía simbólica
ADENTRARSE nunha exposición de Antón Patiño supón deixarse levar por unha escorrentía emocional, pola posibilidade da pintura para xerar xeografías íntimas, mais abertas ao colectivo. Unha lectura xestual que ocupa eses ocos da memoria cheos de baleiros e silencios para explicitalos ante nós, para activar así, fronte a nosa mirada, unha serie de impactos que traballan coa forma e a cor como sinais dunha navegación da que rematamos formando parte.
Cartografía simbólica é a estrea expositiva do pintor de Monforte, en Vilagarcía de Arousa, o que a estas alturas da súa dilatada traxectoria chama bastante a atención, pero celebremos esta novidade polo que ten de chegada dunha mirada atlántica a un dos nosos grandes portos, o que permite establecer unha dobre ollada, a que medra no interior na sala entre o espectador e os cadros e a que se funde coa realidade natural, cun inmenso horizonte ao fondo, a poucos metros da nosa saída deste recinto expositivo que vén de estrear unha necesaria reforma e que o que fai e poñer en valor un das salas máis interesantes no ámbito artístico galego en canto as súas posibilidades e en relación á dimensión do municipio do Salnés.
"Ao mellor, o que chamamos pintura é unha especie de sexto sentido que amplía ata límites insospeitados o alcance da mirada". Esta reflexión procede do libro Manifesto da mirada no que o propio Antón Patiño establece toda unha teoría da imaxe sensible que podemos aplicar a esta exposición no que cada cadro, cada peza, emerxe como unha fiestra a través da cal a nosa mirada acada un maior alcance, unha perspectiva maior que a leva a achegarse a unha sensorialidade contida que, na fugacidade da observación do real, é incapaz de conterse nela. O certo é que cada obra recupera unha serie de estímulos que dende o íntimo da creación e a análise do pintor convértense nesa cartografía simbólica que nos pon en relación tamén co máis primitivo, con esa apropiación do espazo físico no que deixar unha pegada, un sinal que humanice o que pode ser un contexto sen domesticar e onde tan só a relación co ser humano sexa unha prioridade.
Cada un destes territorios líquidos falan de memoria e de experiencia, dun contacto que xorde dunha comunicación que procura atopar esa necesidad do eu por atopar o sentido ao seu espazo vital e a súa contorna. Nada se concreta nas súas obras, todo é un campo expandido, unha ollada aberta que permite descifrar aquilo que está oculto, e que o tempo foi sedimentando no paso dos anos e onde só ese expresionismo xestual permite ao creador afrontar esa experiencia do real e do artístico ata o punto de converxer nunha mesma identidade. A fotografía de José Luiz Oubiña que ilustra este texto permite entender esa situación, a do artista ao que os anos enchouparon no seu propio acto artístico, un acto que é unha posición ante o mundo, unha determinación de facer da plástica un xeito de expresión, un acto social que, sen embargo, serve para reivindicar a ese eu, a ese ser solitario que no estudio pasa horas e días ante unha superficie á procura de respostas, ou más ben de preguntas.
Preguntas sempre diferentes propostas por uns cadros que dende o seu magma orgánico amosan posibilidades variables. Suxestións que se aceleran aos poucos minutos de contacto con cada un deles. Cores e grafías que establecen un feito comunicativo co espectador como canle para aproximar a ese visitante co artista. Un vocabulario democratizador, que se converte nese "espazo irradiante, absorbente e expansivo" como o propio artista o define no libro xa citado, e que remata conténdonos a cada un de nós. É nesa aprendizaxe da mirada ante a que nos convoca Antón Patiño, desta vez a carón dun océano sempre presente como prolongación dun carácter atlántico, dunha mirada que se afunde no ronsel de escumas dunha memoria que lle dá a pátina definitiva a cada unha destas pezas que como faros na costa sinalan unha travesía, o trazado de percorridos inéditos e inesperados fóra dunha sala Rivas Briones que nas próximas semanas acolle unha das obras máis precisas do que somos, dunha identidade que ten máis de sensitivo que de representación, de mancha que de liña, de imaxinación que de certeza, de labirinto que de claridade, en definitiva, compromiso, vida e memoria.